A Pobra conmemora o 159 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, un símbolo para o municipio
A programación das xornadas dedicadas ao escritor continuará este domingo coa representación da obra 'Xan Quinto e outros romances de cego'

Pola esquerda, Xaquín del Valle-Inclán, Patricia Lojo, Amparo Cerecedo, Estefanía Ramos e Antonio González. / Cedida
O Concello da Pobra celebrou este mércores o acto central das XXVII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán cunha ofrenda cívica que serviu para conmemorar o 159 aniversario do nacemento do autor. Á cita asistiron a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, as edís Estefanía Ramos e Amparo Cerecedo, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, o neto, biógrafo e investigador da obra de Valle-Inclán, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, e outros edís da Corporación.
Durante a súa intervención, a concelleira de Cultura definiu a Valle-Inclán como un "símbolo e unha referencia do municipio", incidindo en que "o pasado, o presente e o futuro da Pobra e do autor están estreitamente entrelazados ata o punto de que non poderíamos falar do noso concello sen mencionar o escritor".
Na ofrenda, Lojo lembrou que A Pobra do Caramiñal foi o lugar de nacemento dos pais do autor, a localidade onde a súa familia tiña unha propiedade "e onde Valle-Inclán gardaba recordos da infancia e da súa xuventude e un auténtico refuxio espiritual e creativo que o inspirou para asinar boa parte das súas obras".
A actividade arrincou coa música do grupo Xiada, que fixo unha ruada musical polos principais espazos da vila: alameda, mercado municipal e prazas de García Martí, Cantón da Leña, Fonte dos Catro Canos e Galicia. A continuación levouse a cabo a ofrenda floral diante do monumento situado no Cantón da Leña.
Próximas actividades
A programación das xornadas continuará este domingo, 2 de novembro, ás 12.30 horas. Ese día, a alameda acollerá a primeira das representacións de rúa de Títeres Alakrán: Xan Quinto e outros romances de cego, con Borja Ínsua, que continuará despois na Praza da Fonte dos Catro Canos.
O sábado, 8 de novembro, ás 11.30 horas, celebrarase no Museo Valle-Inclán, na sala de iconografía contemporánea, un obradoiro de caligrafía artística impartido por Alba Farto, baixo o título Arte da rotulación e lettering, dirixido á mocidade e persoas adultas.
O ciclo pecharase o sábado 15 de novembro, ás 20.00 horas, coa representación de Teatro en Punto, que levará á rúa a obra A miña irmá Antonia, unha das novelas breves de Valle-Inclán, con dirección de Gloria Rico Galán. A función desenvolverase na alameda e continuará na Praza Fonte dos Catro Canos.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Los ríos de Santiago multiplican su caudal por diez en cuatro horas: 'Subiu alomenos cinco metros
- Prime Video desembarca en Santiago para grabar nuevos capítulos de una de sus series de referencia
- Santiago pone fecha a la llegada de la Navidad : del encendido de las luces a los mercados, todo lo que debes saber
- Desalojado el narcopiso de Fontiñas: «Estamos contentos»
- El ADN innovador de Finsa: 'Es uno de los principales usuarios del supercomputador del Cesga
- «Esta fiesta por los 90 años de Capitol es una muestra de orgullo picheleiro»
- Los efectos de Claudia en Santiago: un herido en la AP-9 y varios puntos inundados