Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Medio Rural investirá o vindeiro ano 9 millóns de euros en infraestruturas de loita contra os incendios forestais

A Base de Unidades Operativas de Rianxo entrou en funcionamento este verán

María José Gómez, esquerda, seguida pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, na BUO desta localidade.

María José Gómez, esquerda, seguida pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, na BUO desta localidade. / Cedida

Rianxo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou este xoves a aposta do seu departamento para novas infraestruturas de defensa contra incendios forestais, que se plasma nunha dotación de máis de nove millóns de euros nos Orzamentos de 2026. Foi nunha visita á nova Base de Unidades Operativas (BUO) de Rianxo, na que a Consellería investiu 535.000 euros.

As novas instalacións están en funcionamento desde finais do verán. A base está concibida para que o persoal de defensa contra incendios forestais poida conciliar a actividade profesional co descanso.

A superficie construída da BUO de Rianxo supera os 368 metros cadrados en planta baixa, que albergan desde un área de descanso ata cociña, aseos, vestiarios, despacho, garaxe e almacén.

Gómez enmarcou a iniciativa no compromiso da Xunta coa prevención e defensa contra os incendios forestais, «que se concreta nos Orzamentos de 2026; no ámbito da prevención, con 25 millóns de euros máis con respecto a 2025, pasando dos 50,5 actuais aos 75,38 o vindeiro ano, un 50% máis».

Esta aposta evidénciase tamén na mellora de infraestruturas como estas BUO ou as bases aéreas, entre as que a conselleira destacou os traballos previstos nas de Lalín, Sandiás, Valga ou Pontevedra.

No marco do Plan de Obras da Consellería, que engloba estes edificios e oficinas rurais ou centros de formación e investigación, o investimento en novas actuacións e en reformas de infraestruturas superará en 2026 os 18 millóns.

Tracking Pixel Contents