LITERATURA
Convite dende Ribeira a introducirse no mundo felino
A escritora Ánxela Gracián presentou ‘Honorata e a casa das palabras gardadas’

Piñeiro, esquerda, Sampedro, Gracián e Neira na presentación do libro en Ribeira. / Cedida
A escritora e tradutora Ánxela Gracián presentou no Centro Cultural Lustres Rivas, de Ribeira, o libro Honorata e a casa das palabras gardadas. Unha obra na que a autora convida a facer unha viaxe polo mundo felino, facendo tamén énfase na importancia dos libros como unha ferramenta para que o narrado perdure no tempo.
Subliñou ademais a forte presenza dos felinos nos relatos e vidas de numerosos escritores como Borges ou Fina Casalderrey.
O acto estivo presidido pola alcaldesa, María Sampedro; a profesora da Universidade de Santiago, Marta Neira e o escritor e editor Antonio Piñeiro.
Marta Neira subliñou que o libro «é un canto á amizade, á igualdade e ao respecto pola diferenza», algo que, engadiu, se exemplifica nos numerosos gatos que xeran un vínculo e, chegado o momento, acaban nunha casa onde os ratos lles contarán relatos»
A rexedora incidiu na importancia de trasladar estes valores aos máis pequenos. «A literatura permítenos viaxar traspasando os límites marcados polo tempo e o espazo para vivir historias reais ou ficticias. E isto adquire maior significado cando falamos dos nenos», afirmou.
O escritor e editor de Bourel, Antonio Piñeiro, fixo un repaso pola ampla traxectoria da autora, con especial énfase na narrativa e na poesía. Así mesmo, fixo fincapé na dificultade de escribir para nenos, de adaptar a linguaxe e o contido do imaxinario dos adultos para levalo ao universo infantil.