EMPRESAS
Librería El Cisne, Bar Os Fornos e José Ramón Outeiral, gañadores dos Premios ABE de Boiro
Con 65 empresas votantes e 780 votos bateuse o récord de participación

A gala de entrega de premios será o 14 de novembro na Pousa da Galiza Imaxinaria. / ABE
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) vén de anunciar os gañadores da edición 2025 dos Premios ABE á Excelencia Empresarial, un dos eventos máis agardados do ano polo tecido empresarial local.
Na categoría de Mellor Comercio, o recoñecemento foi para Librería El Cisne, un establecemento histórico que leva máis de 40 anos en funcionamento. Foi unha das primeiras librarías de Boiro e tamén do Barbanza, e é a única daqueles tempos que continúa aberta hoxe. Ao longo das décadas consolidouse como referente na venda de libros de texto, material escolar e de oficina, ademais de ofrecer servizos de copistería e distribución de prensa e revistas a domicilio.
O premio á Mellor Empresa recaeu en Bar Os Fornos, coñecido polo seu ambiente familiar e a súa aposta pola gastronomía de calidade. Destaca pola elaboración dun dos pratos máis singulares da comarca: o costillar de tenreira XXL, pezas que poden alcanzar os 10 quilos e que se preparan cun proceso de maduración de 15 días e entre tres e catro horas de cociñado na grella, acadando un resultado exquisito e único na zona.

Entrega do Premio de Honra de 2024 a Lino Escurís. / ABE
O Premio de Honra ABE 2025 foi concedido a José Ramón Outeiral Lapido, xerente e director xeral do Grupo Outeiral, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa contribución á economía local.
O Grupo Outeiral está conformado polas empresas Autos Ramón Outeiral S.L., con base en Boiro, e Autocares F. Senín S.L.U., con sede en Santiago de Compostela. Trátase dunha empresa familiar con máis de 75 anos de historia, fundada por Ramón Outeiral Piñeiro, dedicada ao transporte de viaxeiros. Desde os seus inicios, Autos Ramón Outeiral mantivo a súa actividade en Boiro, trasladándose en 2006 do centro urbano ao polígono industrial para dispoñer dunha nave máis ampla e moderna, onde actualmente alberga toda a súa flota e realiza labores de mantemento propias.
Participación
A participación desta edición acadou cifras históricas, con 65 empresas votantes e un total de 780 votos emitidos, o que supón un novo récord absoluto na historia dos Premios ABE. Como dato destacable, 56 comercios e 64 empresas recibiron votos, demostrando o forte espírito de colaboración e recoñecemento mutuo que caracteriza ao empresariado local.
Gala de entrega de premios e invitacións
A gala de entrega dos premios celebrarase o venres 14 de novembro na Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro). Este ano, por primeira vez, o acceso será mediante entrada física con control na porta.
As invitacións serán exclusivas para empresas asociadas á ABE, que poderán solicitalas e recollelas nas oficinas da entidade a partir do luns 3 de novembro, ata o mércores 12 ás 12.00 horas.
Desde a Asociación Boirense de Empresas felicienta aos gañadores e agradecen a todos os socios pola súa enorme participación, "que consolida estes galardóns como un símbolo de unión, compañeirismo e orgullo empresarial en Boiro", afirman.
“Este récord de participación é a mellor mostra do compromiso e da forza do noso tecido empresarial. Os Premios ABE son xa unha celebración colectiva do talento e da dedicación das empresas de Boiro”, sinalan desde a directiva empresarial.
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Premios Gallegos del Año 2025
- Narcopiso de Fontiñas: cómo el trapicheo esquiva la seguridad privada de los vecinos
- El Obradoiro arrasa con una victoria de equipo grande
- Llega a Santiago el equipo multidisciplinar que instalará el ciclotrón en el Centro de Protonterapia de Galicia
- Un fin de semana cargado de eventos dispara la ocupación hotelera en Santiago