Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SOSTIBILIDADE

A Pobra instala o quinto contedor preto de negocios hostaleiros e da Praza de Abastos

Inicialmente o servizo só estará dispoñible para "grandes produtores"

O alcalde, José Carlos Vidal, presentando o proxecto piloto.

O alcalde, José Carlos Vidal, presentando o proxecto piloto. / Cedida

A Pobra

Avanzar cara a un modelo de xestión máis eficiente, sostible, respectuoso co medio ambiente e sen custo adicional para a cidadanía. Eses son os obxectivos que o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, confía en conseguir coa instalación do quinto contedor de materia orgánica.

O Concello puxo en marcha, o pasado sábado, un novo servizo de recollida de biorresiduos por medio da instalación de 32 colectores marróns nas inmediacións dos coñecidos como «grandes produtores». Isto é, nas contornas dalgúns negocios hostaleiros e na Praza de Abastos.

A prestación non está aínda dispoñible para a cidadanía xeral, senón que se trata «dun proxecto piloto implantado en puntos concretos», afirmou o rexedor. Durante os meses de inverno (de outubro a marzo) os colectores marróns serán baleirados os luns, mércores e sábados, mentres que no verán esta tarefa farase todos os días (agás os domingos).

Entregaranse aos responsables destes negocios contedores de menor dimensión (con capacidade para 60, 80 e 120 litros) e bolsas específicas. Trátase de material que os hostaleiros poderán empregar para o almacenamento e posterior depósito dos residuos nos colectores.

Nos últimos días, persoal especializado na materia fixo a entrega das chaves e de material informativo aos responsables dos establecementos, aclarando as dúbidas e dando pautas para o uso correcto.

Aforro económico

Ata o de agora, a fracción orgánica trasladábase mesturada con outros residuos á planta de Cerceda, cun custo para o Concello de 95 euros máis IVE por tonelada.

O novo modelo con separación da fracción orgánica en orixe suporá o traslado de residuos á instalación designada pola Xunta de Galicia, localizada Vilanova de Arousa. Unha vez alí, os residuos serán tratados e transformados en compost de calidade, o que suporá un menor impacto económico nas arcas municipais.

As persoas que precisen máis información poden contactar co Concello no teléfono 981 843 280 e preguntando polo departamento de Medio Ambiente.

Tracking Pixel Contents