Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Barbanza terá nova ambulancia medicalizada a principios de ano

Dous médicos de familia incorporáronse esta semana ao centro médico da Pobra para cubrir unhas vacacións e unha vacante

O consellerio de Sanidade, Antonio Gómez, este mércores durante a súa intervención no Parlamento de Galicia.

O consellerio de Sanidade, Antonio Gómez, este mércores durante a súa intervención no Parlamento de Galicia. / Cedida

A Pobra

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, dixo no Parlamento que «o compromiso da Xunta coa mellora da atención sanitaria da Pobra e de toda a comarca do Barbanza queda reflectido nos Orzamentos da Consellería para o vindeiro ano, nos que a Xunta reserva un investimento de 460.000 € para a dotación dunha nova ambulancia medicalizada, que estará funcionando no primeiro trimestre de 2026 e dará cobertura a Rianxo, Boiro, Ribeira, O Son e A Pobra».

Gómez Caamaño detallou que no centro de saúde pobrense están cubertas cinco prazas de médico de familia de forma efectiva e que a cota da sexta praza é asumida polo resto de facultativos. Ao respecto deste tema, dixo que «non existen médicos de familia nas listas de contratación, posto que o Goberno central permanece impasible ante o déficit de facultativos de atención primaria».

«Diante do déficit de profesionais, o Sergas conseguiu contratar dous médicos de familia que comezaron o pasado luns a cubrir unha vacante e unhas vacacións na Pobra. Con cinco facultativos dispoñibles, corresponde unha media de 1.550 cidadáns por cada médico, o que sitúa as cotas dentro das referencias establecidas polo Ministerio de Sanidade e das sociedades científicas como axeitadas»,explicou.

Respecto da pediatría, Antonio Gómez Caamaño indicou que non hai demora, atendéndose no propio día.

O titular da carteira sanitaria explicou que os recursos asistencias están ordenados e distribuídos de tal xeito que se garanta a mellor cobertura a toda a poboación e tratando de non sobrecargar innecesariamente aos profesionais.

"Cando un veciño da Pobra do Caramiñal ten unha urxencia pode acudir directamente ao médico de familia no horario da súa cota, e se a urxencia se dá fora do horario do seu médico, debe acudir ao PAC de Ribeira, aberto desde as tres da tarde. Se a urxencia é pola noite, a partir das dez e ata as oito da mañá, ou en sábado, domingo ou festivo, o paciente debe acudir ao PAC da Pobra do Caramiñal", explicou o conselleiro, quen incidiu en que este é o horario que sempre tivo establecido para o PAC da Pobra, de luns a venres de dez da noite a oito da mañá, e sábados, domingos e festivos, dispoñible 24 horas.

Investimentos da Xunta

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro dixo que o compromiso da Xunta coa mellora da sanidade no Barbanza queda plasmado tamén na recente adxudicación dunha nova sala de raios robotizada para o Hospital do Barbanza, coa que se mellorará a precisión diagnóstica.

A esta sala hai que engadir un sistema de radioloxía portátil que comezará a funcionar no mes de decembro, ademais da compra dun mamógrafo para o que están reservados nos Orzamentos 326.000 euros.

Ademais, antes de que remate o ano, a Xunta licitará a redacción do proxecto do hospital de día oncohematolóxico, evitando desprazamentos de pacientes de cancro ao Clínico de Santiago de Compostela.

Tamén se procederá á mellora da eficiencia enerxética do hospital comarcal do Barbanza cun millón de euros que se reservan nas contas do vindeiro ano.

Tracking Pixel Contents