Marta Villaverde denuncia que o veto á pesca de fondo afecta ao 25% da frota galega
A conselleira dixo en O Son que a medida xa xerou un impacto económico de 216 millóns de euros

Participantes no acto do PPdeG celebrado este xoves en Porto do Son. / Cedida
O Partido Popular de Galicia defende que é "o único partido que sempre estivo e estará a favor da xente do mar", defendendo ao sector pesqueiro en todos os ámbitos de decisión e cunha posición “clara e coherente” que contrasta coa “incoherencia” do PSOE e o “oportunismo” do BNG.
“O PP é o Partido da Pesca; xa o din as nosas siglas”, afirmou neste sentido a secretaria xeral da formación, Paula Prado, este xoves nun encontro que mantivo con representantes do sector na confraría de Porto do Son xunto á responsable de Mar no Goberno galego, Marta Villaverde, o eurodeputado Francisco Millán Mon, o alcalde Luis Oujo e outros membros do partido, entre os que se atopaba a responsable nacional de política pesqueira no PP, Rosa Quintana.
A número dous dos populares galegos reivindicou o traballo “sen descanso” do seu partido neste eido, poñendo en valor o “fito importantísimo” acadado hai xusto un ano en Europa co nomeamento dun comisario europeo específico de Pesca “grazas en parte ao que fixo Galicia para conseguilo”.
Lamentou, pola contra, que o PSOE está “tan entretido cos seus asuntos xudiciais que hai tempo que puxo a pesca como última prioridade” e que o BNG “continúa disfrazándose de defensor da pesca pero continúa aliado en Europa co Grupo dos Verdes que apoiou o veto á pesca de arrastre”.
“Nós defendemos ao sector pesqueiro en Bruxelas, en Madrid, no Parlamento e en todos os portos de Galicia. Nós votamos sempre a favor da xente do mar”, concluíu antes de criticar que “quen nunca vota por Galicia é Pedro Sánchez”.
Ao fío da actualidade, Paula Prado ironizou con que “máis que da pesca, Sánchez está atento de que non o pesquen”. Aínda que, segundo apuntou, “están moi cerca de facelo” á vista dos xuízos celebrados esta semana e dos informes da UCO sobre a súa contorna política e familiar.
“Mentres Sánchez xamais pensará na xente do mar de Galicia, nós seguiremos traballando pola pesca de verdade: a que interesa aos galegos e galegas”, reafirmou na súa intervención.
A responsable de Mar no Goberno galego, Marta Villaverde, tamén reiterou o seu apoio ao sector pesqueiro galego ante os desafíos que se lle presentan. Entre eles, citou o novo marco financeiro plurianual, o proceso de revisión da Política Pesqueira Común (PPC) ou, máis a curto prazo, a inminente negociación dos TAC e das coutas para 2026.
Villaverde confirmou que Galicia formalizou a súa participación no recurso de casación presentado polo Estado ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) contra a sentenza que avalou o veto da Comisión ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Esta medida, dixo, "afecta ao 25% da frota galega e, desde a súa posta en marcha, xa xerou un impacto económico de 216 millóns de euros".
“Alégrome moito de estar hoxe aquí en Porto do Son para falar cunha representación importante do sector pesqueiro galego, escoitar de maneira directa as súas preocupacións e prioridades, para así continuar levándoas a Bruxelas”, celebrou Millán Mon. “O sector sabe que no PP ten un aliado, somos o Partido da Pesca, os seus grandes defensores no Parlamento Europeo”, engadiu.
O eurodeputado galego abordou no encontro cuestións como a “preocupación” ante a proposta para o próximo Marco Financeiro Plurianual “polo recorte do 67% o polo cambio na arquitectura, onde se dilúe a especificidade da pesca”. Tamén destacou a “presión” que se está a facer desde o seu Grupo para excluír o palangre de fondo da prohibición das 87 áreas do Atlántico e para unha pronta reforma da Política Pesqueira Común, así como doutros retos.
Por último, o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, agradeceu “a oportunidade de realizar este encontro hoxe na nosa vila” e aproveitou a ocasión para “dar o máis sincero agradecemento a todas as persoas que conforman o sector pesqueiro de Porto do Son por facer posible que a nosa costa e o noso mar sigan sendo un motor económico e social para o noso municipio”.
“Desde o Goberno local entendemos que a pesca non é só unha actividade económica máis, senón que tamén é parte do tecido cultural e do patrimonio vivo deste pobo. É fundamental que a administración local estea ao lado do sector, e en coordinación coas demais administracións, para afrontar xuntos os desafíos que temos por diante”, manifestou.
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Un testigo asegura que la menor atropellada frente a la Intermodal cruzó en rojo
- ¿Cómo era Santiago hace 50 años? Así es la ruta que revela cómo cambió la ciudad el año que murió Franco
- La Xunta acuerda la construcción de 218 viviendas de promoción en Ames
- El Ejército del Aire planea dotar de almacén de munición a la base militar de Lavacolla
- La comisión de fiestas de Conxo denuncia la venta ilegal de rifas por falsos miembros en la zona de Volta do Castro
- Vientos huracanados de más de 150 km/h azotan Galicia durante la madrugada: Santiago reabre sus parques
- Prisión para el acusado de huir tras provocar un accidente mortal por un pique en Santiago