O BNG do Barbanza presenta emendas aos Orzamentos da Xunta por valor de 38,4 millóns de euros
Entre as propostas figuran un centro de día en Rianxo, residencias en Boiro e Ribeira e a implantación dunha conexión ferroviaria coa comarca

Pola esquerda, Luís Pérez, Francisco Rei, Rosana Pérez, Raquel Suárez e Xabier Vidal. / Cedida
O Bloque Nacionalista Galego do Barbanza presentou as emendas que a organización nacionalista vén de rexistrar aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026. No acto participaron o responsable comarcal, Francisco Rei; a deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez; os voceiros nacionalistas Luís Pérez e Raquel Suárez; e o concelleiro de Ribeira Xabier Vidal.
En total, as emendas presentadas polo BNG ascenden a 38,4 millóns de euros, cun obxectivo claro. Desde o Bloque lamentan que "unha vez máis, a Xunta de Galicia do PP volva deixar atrás o Barbanza, ignorando as súas principais demandas e obviando que é unha das comarcas máis dinámicas económica e socialmente do país".
Francisco Rei subliñou que as propostas do BNG buscan fortalecer o dinamismo económico da comarca e mellorar os servizos públicos, atendendo a reivindicacións históricas da veciñanza.
Entre as emendas destinadas a impulsar a economía da comarca, destacan: aumento do chan industrial A Pobra-Ribeira (polígono supramunicipal), cun investimento inicial de 3 millóns de euros para a primeira fase; a implicación da Xunta no polígono industrial de Ribeira, cunha achega de 3 millóns de euros; unha nova depuradora para Boiro, cun orzamento de 12 millóns de euros; un programa de rexeneración e recuperación das rías de Galicia, cunha partida de 50 millóns de euros para a primeira fase; e o programa Invesrías, con 20 millóns de euros para investigación sobre perda de produtividade e para afrontar os efectos do cambio climático.
O BNG propón actuacións clave para modernizar as comunicacións no Barbanza: humanización da estrada AC-305 na Pobra, Boiro e Rianxo, cun investimento de 3 millóns de euros na primeira fase; estudo para a implantación dunha conexión ferroviaria no Barbanza, cunha dotación de 500.000 euros; remodelación da fachada marítima de Rianxo, con 1,5 millóns de euros, para favorecer o tránsito peonil e reorganizar as zonas de aparcadoiro; e reforma integral da estación de autobuses da Pobra, con 300.000 euros.
No eido das políticas sociais e os servizos públicos, plantexa: a dotación de persoal e melloras nos centros de saúde de toda a comarca, cun investimento total de 2 millóns de euros; a ampliación da área de hospitalización do Hospital do Barbanza, con 1 millón de euros; melloras en distintos centros de ensino da comarca, cun investimento global de máis de 5 millóns de euros, entre os que están o colexio O Grupo, o colexio de Olveira e o IES Nº1 de Ribeira, a finalización das obra do colexio Castelao de Rianxo, a construción de dúas escolas infantís en Ribeira e na Pobra e a reparación do tellado da de Boiro; outra residencia de maiores en Ribeira, cun investimento de 1 millón de euros; un centro de día de Rianxo, cunha partida de 700.000 euros; unha residencia de maiores en Boiro, con 2,5 millóns de euros; a construción de vivenda protexida para alugueiro en Ribeira, cun orzamento de 1 millón de euros; e a recuperación do bordo litoral da Ribeiriña, incluíndo a compra da antiga nave de Hadasa, con 1,2 millóns de euros.
Rosana Pérez destacou que estas propostas “non son só números, senón compromisos concretos co futuro do Barbanza, coa súa xente e co seu tecido produtivo”. Segundo explicou, “o Partido Popular volve demostrar que non ten ningún proxecto para esta comarca, que vive de costas ás súas demandas e que é incapaz de recoñecer o seu peso económico e social dentro do país”.
Engadiu que “as nosas emendas responden ao que a xente pide día a día: mellores infraestruturas, servizos sanitarios dignos, máis investimento en educación e un compromiso real coa recuperación ambiental e industrial da comarca”.
Francisco Rei afirmou que “estes Orzamentos volven esquecer o Barbanza e deixan claro que o PP non entende nin atende as prioridades deste territorio”. Sinalou que “mentres a Xunta continúa mirando cara outro lado, o BNG traballa con propostas serias e responsables que poñen no centro as persoas e o futuro da comarca”.
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Un testigo asegura que la menor atropellada frente a la Intermodal cruzó en rojo
- ¿Cómo era Santiago hace 50 años? Así es la ruta que revela cómo cambió la ciudad el año que murió Franco
- La Xunta acuerda la construcción de 218 viviendas de promoción en Ames
- El Ejército del Aire planea dotar de almacén de munición a la base militar de Lavacolla
- La comisión de fiestas de Conxo denuncia la venta ilegal de rifas por falsos miembros en la zona de Volta do Castro
- Vientos huracanados de más de 150 km/h azotan Galicia durante la madrugada: Santiago reabre sus parques
- Un despiste en un horno de una vivienda del Ensanche obliga a intervenir a los Bomberos de Santiago