Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PESCA

Gardacostas comisa 340 quilos de centola e 89 pezas de miños en Ribeira

Precintan un barco de Laxe no porto ribeirense por superar os topes máximos

Centolas comisadas por Gardacostas de Galicia na ría de Arousa.

Centolas comisadas por Gardacostas de Galicia na ría de Arousa. / X. Galicia

Ribeira

O servizo autonómico de Gardacostas de Galicia comisou este luns en Ribeira, na zona de Castiñeiras-Aguiño-Sagres, primeira xornada da campaña de extracción da centola, 340 quilos desta especie por superar unha embarcación de Laxe os topes máximos establecidos. Ademais, o mesmo barco foi obrigado a levantar os aparellos calados, liberando 200 quilos de centolas enmalladas nos mesmos, para protexer este recurso pesqueiro.

En total, foron incautadas 89 pezas de miños (4.450 metros) e o barco foi precintado no porto de Ribeira como medida cautelar ante o inicio do expediente sancionador.

O servizo de Gardacostas comisou 340 quilos de centola.

O servizo de Gardacostas comisou 340 quilos de centola. / X. Galicia

Esta actuación está enmarcada nas labores de control e vixilancia deste departamento, dependente da Consellería do Mar, para garantir o cumprimento do plan de xestión e conservación desta especie nas rías galegas mediante unha explotación sustentable. Así, subliñan, o impacto negativo destas prácticas para o sector profesional "poñendo en risco o bo desenvolvemento da campaña e o bo comportamento nos prezos deste produto, no mercado".

No amplo operativo, liderado por Gardacostas de Galicia, colaboraron a Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e o servizo marítimo da Garda Civil.

Os efectivos realizaron tarefas de recoñecemento das zonas de traballo e comprobación das actividades das distintas embarcacións con alternancia para miños e o pesado das capturas na lonxa. Estas actuacións continuarán desenvolvéndose ao longo de toda a campaña por todo o litoral galego.

TEMAS

Tracking Pixel Contents