Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Camiño Marítimo da ría de Muros-Noia triunfa en Fairway como unha forma atractiva e novidosa de peregrinar a Santiago

Importantes turoperadores, axencias de viaxes e centrais de reservas amosaron o seu interese pola integración do itinerario como parte da Vía Querinissima

Un grupo de mozos e mozas no posto da Asociación de Concellos do Camiño da ría de Muros-Noia en Fairway.

Un grupo de mozos e mozas no posto da Asociación de Concellos do Camiño da ría de Muros-Noia en Fairway. / Cedida

Noia

O Camiño da ría de Muros-Noia está tendo unha gran acollida no sexto Fórum do Camiño de Santiago, Fairway, que se clausura este martes na Cidade da Cultura de Galicia. Un foro profesional onde a Asociación de Concellos do Camiño da ría de Muros-Noia triunfou por dar a coñecer un novo concepto de ruta xacobea: o Camiño Marítimo da ría de Muros-Noia, que ademais está integrado nun prestixioso itinerario europeo como é a Vía Querinissima.

O presidente da asociación, Luís Oujo, destaca “o respaldo internacional que supuxo a presencia en Fairway de representantes de tres delegacións internacionais de Italia, Noruega e Suecia, que viñeron promover a candidatura da Vía Queirinissima como Itinerario Cultural Europeo e a poñer en valor que este itinerario, que implica a máis dunha decena de países, conte cun tramo do Camiño de Santiago que permite a quen o fai obter a Compostela”.

Así, o responsable de comunicación da asociación, José Antonio Marcote, salienta o gran interese espertado polo Camiño Marítimo da ría de Muros-Noia entre os máis de corenta recoñecidos touroperadores, axencias de viaxes, centrais de reservas e axencias que traballan no Camiño de Santiago a nivel internacional presentes en Fairway.

“Uns poñen o énfase na orixinalidade da nosa proposta, outros poñen en valor o feito de recuperar unha forma de peregrinación a vela típica doutros séculos e hai tamén quen amosa o seu interese pola vinculación da nosa ruta xacobea cunha ruta europea como é a Vía Querinissima”, apunta Marcote.

Unha integración que foi respaldada no propio Fairway coa visita dunha ampla delegación internacional do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia), que estivo acompañada de representantes da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da Asociación de Concellos do Camiño da ría de Muros-Noia.

Todos eles coñeceron que o Camiño Marítimo da ría de Muros-Noia ofrece peregrinar a Santiago a través dunha ría e duns portos cunha longa tradición xacobea, especialmente o de Noia que no seu momento foi o Portus Apostoli de Compostela.

A travesía rememora o percorrido que seguiron milleiros de peregrinos dende os tempos da Segunda Cruzada e, especialmente, o navegante veneciano Pietro Querini en outubro de 1431. Ao tratarse dun trazado recoñecido oficialmente polo Cabildo Catedralicio, basta con completar 100 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos indicados e facer a pé cando menos os 12 últimos quilómetros entre Bertamiráns e Santiago para obter a compostela.

A ruta marítima e terrestre da Via Querinissima atravesa Creta, as cosas de España e Portugal, e logo se estende por Noruega, Suecia, Inglaterra, Alemaña, Suíza e Austria, ata chegar a Venecia. O tramo galego está integrado polo Camiño de Muros-Noia.

Tracking Pixel Contents