Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A saúde mental, unha cousa marabillosa

O actor coruñés Elisardo de la Cruz chega a Muros o sábado 15 coa obra Esas cousas marabillosas, unha comedia tan tenra como necesaria sobre a saúde mental e o suicidio

Elisardo de la Cruz durante a interpretación da obra ‘Esas cousas marabillosas’.

Elisardo de la Cruz durante a interpretación da obra ‘Esas cousas marabillosas’.

Mario Fajardo

Muros

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros converterase este sábado día 15, a partir das 20.30 horas, nun espazo para rir, chorar e pensar. Esas cousas marabillosas, a obra do dramaturgo británico Duncan MacMillan, chega á vila da man de Elisardo de la Cruz, un actor e publicista que leva desde 2022 percorrendo Galicia con esta peza —neste 2025 xa estivo por Rianxo, Melide, Ortigueira, A Rúa, A CoruñaTui ou Oleiros— e que agora se achega ás terras muradás.

«É unha historia que emociona, que engancha, que divirte e que ten un trasfondo vital fortísimo e hipernecesario», explica o actor. «Visibilizar a saúde mental e o suicidio, falar das mortes por suicidio, iso fará que a xente teña menos medo de pedir axuda e que se poidan evitar moitas dores», reflexiona.

Elisardo naceu na Coruña en 1975, e, aínda que estudou Publicidade, nunca deixou de subir aos escenarios. Comezou con dezaseis anos, no colexio, co musical Godspell. A vocación pola arte vénlle da súa nai: «Era unha muller moi afeccionada á cultura. Fixen ballet clásico con oito anos por impulso dela. Esa semente artística quedoume dentro» confesa.

Durante décadas foi actor afeccionado, ata que no 2021 decidiu dar o salto á profesionalización. «Cando rematei os estudos na Escola de Narón, pensei: poderei dedicarme ao teatro? E Flor Maceiras, directora da escola, mandoume un vídeo de Esas cousas marabillosas. Cando o vin, dixen: quero facer isto toda a miña vida», lembra Elisardo.

A peza de MacMillan comeza cun neno que, tras o intento de suicidio da súa nai, decide facer unha lista de cousas polas que paga a pena vivir, como os xeados, as guerras de auga, o azul ou a primeira noite de verán.

«O texto está moi ben escrito», di De la Cruz. «Non cae nin no dramatismo nin no superficial. Ten ese punto inglés de saber ser sutil ao tratar o humor e o drama», engade.

A versión galega que el protagoniza é, ademais, participativa: o público recibe papeis con frases e toma parte da acción. «Cada función é diferente porque o público forma parte dela. Iso fai que cada espectáculo teña a súa propia vida», conta.

Teatro e saúde mental

Elisardo fala con honestidade e naturalidade dun tema que moitas veces se evita: «O teatro é terapia e conciencia social. É un xeito de tentar cambiar a realidade das persoas e cambiar o mundo, para iso naceu».

Recoñece a emoción que lle produce o contacto co público: «En cada función alguén toca o meu corazón. En Galicia hai moita xente con historias vencelladas á saúde mental e ao suicidio. Sempre hai alguén que me conta o seu caso, ou que está a loitar por atopar axuda», indica.

Para el, é importante que unha obra como esta chegue a un público adolescente, porque, como lembra De la Cruz, «o suicidio é a principal causa de morte entre os mozos de 15 a 25 anos».

O poder de pedir axuda

«A xente que dubide se vir ou non, que veña e xulgue por si mesma», di o actor. E a quen estea nun momento complicado, recoméndalle: «Que pida axuda, que fale, que non se peche. O primeiro paso para solucionalo é sacalo fóra».

Calquera interesado no tema, no teatro ou na vida, pode acudir o sábado 15 a Muros e gozar en directo da representación. Porque, como di o seu protagonista ao rematar a conversa: «É unha obra che pode cambiar a vida para ben… comigo fíxoo».

Tracking Pixel Contents