Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

DISTINCIÓNS

Boiro premia a excelencia empresarial

Máis de duascentas persoas asistiron á gala dos Premios ABE

Daniel García, á esquerda, cos tres premiados na gala de ABE en Boiro.

Daniel García, á esquerda, cos tres premiados na gala de ABE en Boiro. / Lino Escuris

Boiro

A Pousada da Galiza Imaxinaria acolleu a gala dos Premios ABE 2025, un encontro que se consolidou como a gran cita anual do empresariado boirense. A convocatoria reuniu a máis de 200 persoas, superando todos os rexistros anteriores e converténdose na edición con maior participación desde a creación dos galardóns.

O humorista e presentador David Amor tomou o escenario para abrir a gala cun monólogo cargado de ironía e proximidade, marcando un ton desenfadado que acompañou todo o evento. Despois, o presidente da ABE, Daniel García, tomou a palabra para facer balance do ano, destacando que 2025 foi "un ano extraordinario, no que batemos récords en todos os ámbitos".

David Amor puxo o humor e presentou a gala en Boiro.

David Amor puxo o humor e presentou a gala en Boiro. / Lino Escuris

Subliñou o crecemento da asociación, que sumou 15 novas empresas e alcanza xa as 207 asociadas, así como a máxima participación nas campañas de dinamización e a alta asistencia a formacións e eventos, o incremento nas votacións dos Premios ABE, a consolidación do sistema de fidelización con 5.023 usuarios activos e máis de 40.000 tickets rexistrados ao ano. Subliñou tamén a mellora da comunicación interna, cunha suba do 20% na taxa de lectura dos correos informativos por parte dos socios.

García puxo tamén en valor o traballo da ABE no acompañamento ás empresas, especialmente na tramitación de subvencións, onde se mantén unha taxa de éxito superior ao 90%. No eido dos grandes proxectos, detívose na campaña Boiro, Compras con Corazón, recoñecida pola Xunta como unha das cinco mellores de Galicia e que, tras mobilizar a toda a vila, reuniu máis de 4.000 persoas no seu peche festivo. A intervención incluíu ademais unha mención especial á presenza da ABE como finalista nos Premios do Comercio Galego 2025.

Premiados

O momento máis esperado chegou coa entrega dos galardóns anuais. A Librería El Cisne foi distinguida como Mellor Comercio, e recolleu o premio o seu propietario, Rafael García Hermida, de mans de Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa (Mellor Comercio 2024).

“Este premio é unha enorme alegría e un recoñecemento a todos os clientes que nos acompañan desde hai tantos anos", afirmou o libreiro, quen fixo unha mención especial para as súas empregadas, "que son as que me acompañan no día a día e coas que quero compartir este premio”.

O presidente de ABE, Daniel Rodríguez, na gala de entrega de premios.

O presidente de ABE, Daniel Rodríguez, na gala de entrega de premios. / Lino Escuris

O Bar Os Fornos levou o premio de Mellor Empresa 2025. Juan José Romero Triñanes, Siño Romero e Jorge Romero recolleron o galardon, entregado por Jorge Fajardo, director xeral do Grupo JJ Chicolino (Mellor Empresa 2024).

"É un orgullo para toda a familia e para o noso equipo, que é quen fai posible o día a día dos Fornos. Grazas aos clientes pola súa confianza e por facer que o noso proxecto siga medrando", afirmaron.

Premio de Honra ABE 2025

O momento máis emotivo da noite estivo protagonizado por José Ramón Outeiral Lapido, xerente de Autos Ramón Outeiral, recoñecido pola súa traxectoria á fronte dunha empresa familiar con máis de 75 anos de historia no transporte de viaxeiros.

Durante a presentación, o presidente da ABE e o propio David Amor, destacaron a súa capacidade para manter vivo o legado familiar, impulsar a modernización do Grupo Outeiral e trasladar a sede ao Polígono Industrial de Boiro. O público dedicoulle unha prolongada ovación.

O galardón foi entregado polo presidente da asociación, Daniel García. "Este recoñecemento é moi especial porque resume unha vida dedicada ao transporte e á empresa familiar. Agradezo profundamente á ABE e, sobre todo á miña familia por acompañarme en cada paso deste camiño", afirmou o empresario.

Celebración musical

Unha vez entregados os premios, David Amor regresou ao escenario cun novo monólogo antes de dar paso á intervención do tenente alcalde de Boiro, Luis Ruiz, quen destacou o papel esencial da ABE para o comercio e as empresas do municipio.

Tralas fotos de familia, os asistentes desfrutaron dun pincho e da música das djs Pídechas o Corpo (Fragabuqui e Wanda Buluba), que puxeron ritmo e humor á celebración. Durante a festa realizouse tamén o sorteo dun bono de 100 euros dos Bonos ABE entre todalas persoas presentes.

TEMAS

Tracking Pixel Contents