Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

COMERCIO

Boiro e Noia piden á Deputación que amplíe o programa Merca na Vila

Os alcaldes propoñen alongar a iniciativa máis aló do 20 de novembro

O presidente da Deputación cos alcaldes de Noia e Boiro visitando un comercio.

O presidente da Deputación cos alcaldes de Noia e Boiro visitando un comercio. / D. C.

Noia

Os alcaldes de Boiro, José Ramón Romero, e de Noia, Francisco Pérez, solicitan á Deputación da Coruña a ampliación do programa de dinamización comercial Merca na Vila.

Esta iniciativa, dotada con 6 millóns de euros, dirixida a fortalecer o pequeno comercio nos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes está a ser todo un éxito, por iso os comerciantes demandan a ampliación da mesma mentres exista crédito dispoñible.

«Grazas a estes bonos estanse a rexistrar numerosas compras que redundan na actividade e dinamismo comercial e, en definitiva, na promoción económica das nosas vilas», recoñeceu o alcalde de Boiro. É por iso que «vimos de solicitar conxuntamente á Deputación provincial que amplíe o programa de incentivos mais alá do 20 de novembro», sinalou, pola súa banda, o rexedor noiés.

Merca na Vila permite ás persoas consumidoras acceder ata 100 euros en descontos directos, aplicables nos establecementos adheridos, que varían entre os 5 e os 15 euros por compra, dependendo do importe da mesma.

Na Costa da Morte, Cee e Vimianzo lideran as operacións do Merca na Vila. Cee rexistrou 10.434 e vendas por un total de 581.721 euros, e Vimianzo alcanzou 2.541 operacións e preto de 155.000 euros en vendas.

Tracking Pixel Contents