CONCURSO
A Pobra convida a engalanar balcóns e fachadas no Nadal
O Concello quere «crear comunidade» e repartirá 2.100 € en premios

Amparo Cerecedo, á dereita, presentando o concurso. / C. A Pobra
A Concellería de Promoción Económica da Pobra do Caramiñal lanza o VI Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas, unha iniciativa coa que busca implicar á veciñanza na ambientación de Nadal. O obxectivo, segundo a concelleira, Amparo Cerecedo, é que a cidadanía se sume «á decoración desta época, algo que non só contribuirá á mellora estética das rúas e edificios do municipio, senón tamén a crear comunidade».
A iniciativa está aberta á participación de calquera persoa ou entidade cunha vivenda (en propiedade ou aluguer) con balcón, ventá ou fachada con vistas á vía pública. Cada vivenda poderá participar unha única vez.
As persoas interesadas poderán anotarse ata o 3 de decembro, remitindo as solicitudes a promocioneconomicapobra@gmail.com ou chamando ao teléfono 981 843 280 (extensión 2035). Deberán indicar o seu nome, DNI, enderezo e parroquia onde se sitúa a vivenda e o número de teléfono de contacto.
A ornamentación terá que manterse ata o 6 de xaneiro. A temática central deberá ser o Nadal e os elementos deberán estar perfectamente suxeitos, sen supoñer un risco para a seguridade.
O xurado valorará cuestións como a orixinalidade e a creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía do conxunto, a laboriosidade e cuestións como a iluminación. O Concello outorgará como primeiro premio un vale de compra de 600 euros e cinco segundos (un por parroquia) valorados en 300 euros.