Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SAÚDE

A alcaldesa de Muros pide a Sanidade "unha solución" para o servizo de pediatría

O Sergas di que a semana pasada xa se incorporou a titular

Centro de saúde de Muros.

Centro de saúde de Muros. / Cedida

Muros

A alcaldesa de Muros, María Lago, solicitoulle unha reunión urxente ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, “para atopar unha solución coa que recuperar a normalidade no servizo de pediatría do noso centro de saúde”.

Nunha carta enviada ao conselleiro, a alcaldesa móstralle “a miña preocupación pola grave situación que temos, xa que levamos máis dun ano e medio cunha baixa de longa duración do pediatra que traballaba só en Muros”.

“A outra pediatra, que debe dar servizo algunhas horas cada semana no centro de saúde de Carnota, atópase tamén de baixa desde hai varios meses e o seu substituto non exerce todos os días en Muros”, engade María Lago.

Esta situación afecta a 900 nenos e nenas de Muros e Carnota, que en moitas ocasións son atendidos por outro profesional e, no caso dos nenos e nenas de 0 a 3 anos, son derivados a Outes ou Noia os días nos que non hai pediatra.

Estas graves carencias no servizo provocan desde hai tempo as queixas dos veciños e veciñas de Muros, “de familias moi preocupadas como é normal pola saúde dos seus fillos e pola repercusión na conciliación laboral desta situación”, sostén a alcaldesa.

“Os concellos pequenos e medianos temos os mesmos dereitos e necesitamos un servizos públicos dignos e de calidade para manter a poboación, polo que lle solicito unha reunión urxente para atopar unha solución coa que recuperar a normalidade no servizo de pediatría do centro de saúde de Muros”, remata María Lago.

Sanidade: cúmprense as recomendacións

Pola súa banda, dende a Consellería de Sanidade aseguran que "desde a pasada semana está incorporada ao centro de saúde de Muros a pediatra titular que asume a atención de algo máis de 900 nenos e nenas, entre os deste concello e os do veciño de Carnota. Cúmprense así as recomendacións establecidas polas sociedades científicas de pediatría en España, que fixan unha referencia de 1.000 pacientes por cupo de atención pediátrica".

Sinalan que, "como xa lle trasladou o conselleiro de Sanidade hai varios meses á alcaldesa", o concello de Muros non é alleo ao problema de déficit de profesionais especialistas de atención primaria que rexistra o conxunto de España e que "o Ministerio de Sanidade se resiste a afrontar con medidas eficaces para solucionalo".

Así, engande, cando a persoa titular da praza de pediatría do centro de saúde de Muros presenta unha ausencia xustificada, "resulta imposible para o Servizo Galego de Saúde contratar a un profesional para substituíla".

Neses casos, os menores de 3 anos son atendidos por especialistas en pediatría nos centros de saúde e Noia por razóns de proximidade xeográfica. O resto de poboación pediátrica recibe correcta atención a cargo de profesionais de medicina familiar e comunitaria, que están altamente cualificados para a atención médica ás persoas durante toda a súa vida.

Polo tanto, "aínda no caso de que non existan profesionais pediátricos dispoñibles para cubrir as ausencias xustificadas, a organización asistencial que realiza o Servizo Galego de Saúde garante que todos os nenos e nenas de Muros reciban a asistencia axeitada", subliñan dende a consellería.

Así mesmo, lembran que o conselleiro de Sanidade "convidou á alcaldesa de Muros a sumarse á Xunta e ao Parlamento de Galicia e reclamar ante o Ministerio de Sanidade medidas eficaces para paliar a falta de médicos que afecta tamén ao seu concello e que lle xera esta entendible preocupación".

O conselleiro de Sanidade manterá un encontro coa alcaldesa nas próximas datas para informarlle da situación.

Tracking Pixel Contents