Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SANIDADE

Folga e mobilizacións dos limpadores dos hospitais de Cee, Barbanza e Salnés

Demandan a equiparación laboral e salarial co resto de centros do Sergas

Concentración dos profesionais de limpeza no Hospital do Barbanza.

Concentración dos profesionais de limpeza no Hospital do Barbanza. / Cedida

Cee

O persoal dos servizos de limpeza dos hospitais do Barbanza (Ribeira), Virxe da Xunqueira (Cee) e Salnés (Vilagarcía), están en folga para esixir a equiparación salarial e laboral cos compañeiros que prestan o mesmo traballo noutros hospitais. Coincidindo cos paros, as persoas traballadoras están a levar a cabo tamén mobilizacións nos distintos centros.

En Vilagarcía e Ribeira optouse por paros de dúas horas nas quendas de mañá e tarde (de 9.00 a 11.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas) que están a rexistrar un seguimento total. Os paros parciais repetiranse o martes 25 e o mércores 26, mentres que no mes decembro serán os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30. A intención é que a folga pase a ser indefinida a partir do vindeiro 7 de xaneiro.

Concentración diante das portas do Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee.

Concentración diante das portas do Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee. / CIG

En Cee optouse por convocar folga de 24 horas en cada unha das tres quendas o mércores -cun seguimento de máis do 90%, segundo a CIG-, e os días 20 e 21, con concentracións ás portas do centro médico, de igual xeito que se fará o próximo 26 de novembro.

Dolores Cernadas, representante da CIG, asegura que «no mes de maio solicitamos unha reunión coa consellería para sentarnos a negociar e aínda non tivemos resposta algunha». Considera que se está a producir «unha discriminación» coas profesionais destes tres hospitais «pois facemos o mesmo labor que nos outros centros». Cualifica ademais de «abusivos» os servizos mínimos fixados pola Consellería de Sanidade.

O colectivo de limpadores agradece «a solidariedade e o apoio que está a amosar persoal sanitario, de mantemento e da cociña que participa nas protestas en sinal de apoio ás súas reivindicacións».

Lembran que os servizos de limpeza destes tres hospitais están externalizados e o persoal réxese polo respectivo convenio provincial da limpeza, polo que teñen peores condicións salariais e sociais que no resto de centros.

TEMAS

Tracking Pixel Contents