Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A lonxa de Porto do Son contará cunha aula para usos formativos

Portos de Galicia elaborará un estudo técnico para autorizar a ampliación da primeira planta da rula

Pola esquerda, José Antonio Álvarez, Marta Villaverde e Emilio Queiruga.

Pola esquerda, José Antonio Álvarez, Marta Villaverde e Emilio Queiruga. / Cedida

Porto do Son

A Consellería do Mar está a colaborar coa confraría de Porto do Son para habilitar unha aula de formación no interior do edificio da lonxa da localidade. A titular de dito departamento autonómico, Marta Villaverde, reuniuse este xoves co patrón maior do municipio, Emilio Queiruga, en Santiago.

No encontro, ao que asistiu tamén o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, a conselleira confirmou que o ente público elaborará un estudo técnico para autorizar a ampliación da primeira planta da lonxa, de modo que poida albergar unha nova aula destinada aos usos formativos.

Así mesmo contemplarase a dotación dun ascensor para garantir a accesibilidade deste espazo. Con esta actuación a Consellería do Mar contribúe a impulsar a remuda xeracional no sector marítimo portuario de Porto do Son. Ademais a obra suporá a humanización deste espazo de traballo que poderá executarse contando coas axudas económicas do GALP.

Durante o encontro, acordouse tamén avanzar na delimitación de espazos para almacenaxe de pertreitos dos profesionais que operan neste porto. Ademais contemplarase o pintado de prazas de aparcadoiro para a mellora da seguridade viaria na contorna da lonxa.

Finalmente, Portos de Galicia comprometeuse a realizar obras de conservación para mellorar o estado da rampla de descarga e a realizar unha visita institucional ao porto sonense para comprobar in situ outras posibles melloras.

Tracking Pixel Contents