Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Melloran o firme da estrada que atravesa Outes e Noia

A actuación ten un investimento de 400.000 euros

Belén do Campo, segunda pola esquerda, e Francisco Calo, ao seu carón, este xoves en Outes.

Belén do Campo, segunda pola esquerda, e Francisco Calo, ao seu carón, este xoves en Outes. / Cedida

Outes

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Outes, Francisco Calo, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou este xoves a zona na que se están a realizar as obras de reposición do firme na estrada autonómica AC-196, que atravesa os concellos de Outes e Noia.

A delegada subliñou que esta actuación supón un investimento de ao redor de 400.000 euros, un esforzo que, segundo destacou, “reflicte o compromiso da Xunta coa mellora continua da rede viaria autonómica e coa seguridade viaria na comarca”.

A vía na que se está actuando conta cunha lonxitude total de algo máis de 4,4 quilómetros, que transcorre polos concellos de Outes e Noia. A actuación permite mellorar de maneira significativa o estado do pavimento e garantir unha circulación máis cómoda e segura para os usuarios.

Segundo explicou a delegada, os traballos inclúen a rehabilitación integral do firme, mediante o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente nos treitos que presentan deficiencias. De forma previa, executarase unha regularización da capa actual co fin de asegurar un comportamento óptimo da estrada a longo prazo.

As obras comenzaron o pasado luns e contan cunha duración estimada dunha semana, sempre condicionada polas condicións meteorolóxicas.

A representante do Goberno autonómico subliñou que, nos orzamentos do 2026, realizarase un investimento histórico de 71,6 millóns de euros que se destinará á conservación e mellora da rede autonómica —3 millóns máis que en 2025—, dos cales 27 millóns irán a reforzos de firme e conservación extraordinaria.

Belén do Campo destacou que este tipo de intervencións “contribúen a reforzar a mobilidade diaria, o acceso aos servizos e a calidade de vida das veciñas e veciños de Outes e Noia, garantindo estradas máis seguras e en mellores condicións”.

Tracking Pixel Contents