Rianxo nomeará este domingo Fillos Predilectos a Xosé Romero e Eclíptica Órbita, Os Rosales
O acto institucional terá lugar no consistorio e incluirá unha homenaxe organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos

Os Rosales son protagonistas do mural realizado por Yoseba MP en Asados. / Aigiboga
A casa consistorial de Rianxo acollerá este domingo 30 de novembro un pleno extraordinario no que se oficializará o recoñecemento dos fundadores do mítico grupo de gaitas Os Rosales, Xosé Romero (falecido en 2021 aos 91 anos) e Eclíptica Órbita (que ten 89 anos), como Fillos Predilectos do concello.
O recoñecemento parte dunha proposta do grupo municipal do BNG apoiada por unanimidade da Corporación.
O acto solemne acompañarase dunha homenaxe organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos coa colaboración do Concello.
Moitos dos cantantes e instrumentistas da música tradicional galega tiveron e teñen como referentes a Xosé Romero Suárez e Eclíptica Órbita Miguéns Lustres (Maruxa), o matrimonio de Rianxo que sentou cátedra e creou escola co seu grupo, Os Rosales, fundado en 1952.
Xosé naceu en 1930 en Asados. Cando só tiña 5 anos fabricouse a súa primeira gaita cun anaco de cana e unha vexiga de porco. O seu pai recoñeceu enseguida o seu talento e comproulle unha.
Aos 10 anos xa fundou o grupo Aires da nosa terra xunto a Ramón Carou, Alfonso Romero e Vicente Carou. Pero en 1950 o servizo militar obrigoulles a aparcar os instrumentos. Dous anos despois, el coa súa gaita e Alfonso co seu bombo, únense a Francisco Iglesias (gaita) e Che Novoa (tambor) e fundan Os Rosales.
Ese mesmo ano, Xosé namórase da que será a súa muller, Eclíptica Órbita (Maruxa), que entón ten dezaseis e coa que casará en 1955. Nada en Araño en 1936 e bautizada co nome de Eclíptica Órbita por desexo do seu padriño, José Saborido, afeccionado á astronomía, dominou dende moi nova un eido musical que, sobre todo na primeira metade do século XX, estaba reservado aos homes: a percusión.
En 1962 Alfonso lesiónase nun brazo ao caer desde un escenario nunha verbena da localidade boirense de Escarabote. Imponse entón a necesidade de buscar un substituto para cumprir cos compromisos de varias actuacións, e é cando Maruxa entra na formación, aínda que xa demostrara a súa valía coa percusión nos ensaios: debutou na festa do Rosario, na parroquia de Leiro.
Ela presentaba as actuacións, introducía os temas, cantaba e mesmo se encargaba da imaxe do grupo, confeccionando e arranxando os traxes. Para entón, a parella xa creara escola no seu fogar: en 1963 incorpórase ao grupo o seu fillo de 6 anos, Pepe Romero, que chega para quedar tocando o tambor; en 1972 faino o seu fillo Mario e, en 1983, a súa filla Sandra.
Pero a traxectoria musical de Xosé e Maruxa transcende os escenarios, pois tamén levaron a cabo un intenso labor de formación en diversos centros culturais do Barbanza, impartindo clases de gaita e percusión.
En 1992 Os Rosales viaxa a Sevilla para actuar no pavillón de Galicia da Expo. Gravaron dous discos, participaron en numerosos programas de televisión, compartiron escenario e actuacións con Andrés do Barro, Milladoiro ou Amancio Prada; actuaron en diversos lugares de España, Portugal ou Bélxica. En 2002 deron por finalizada a súa traxectoria profesional como grupo, pero non a actividade musical, que para eles foi sempre unha necesidade vital.
En 2011, Xosé sacou ao mercado un CD con 16 temas compostos por el (Fol de feitizo redentor) e producido polo seu neto Milo. Esta historia, digna dunha película, é precisamente o argumento central do libro Os Rosales: o son da festa, unha biografía novelada escrita por Fina Fernández e Cristian Castrelo. O relato de Fina Fernández compleméntase co prólogo de Xosé V. Ferreiros e o estudo de Castrelo, que axuda a entender o xenio técnico e cretivo de Xosé Romero.
“Os Rosales chegaron a ser un grupo consolidado cunha gran calidade musical que asistía a concursos, empregaba gaitas de distintas tonalidades e non dubidou en adoptar outros instrumentos, como o acordeón, para achegar maior colorido ás pezas. Ademais, un detalle relevante era a combinación de temas para interpretar como solista (onde se escoitaba a mestría e sentimento de Xosé Romero), con bailables adaptados ao gusto da xente asidua das festas populares, e mesmo chegaron a engadir nalgúns momentos incursións de tipo teatral que lle daban dinamismo á vez que espectáculo á actuación”, sinalou a coautora do libro, Fina Fernández.
- La Navidad en Galicia más allá de las luces de Vigo: del belén artesanal más grande al pueblo gallego más navideño
- Un testigo asegura que la menor atropellada frente a la Intermodal cruzó en rojo
- ¿Cómo era Santiago hace 50 años? Así es la ruta que revela cómo cambió la ciudad el año que murió Franco
- La Xunta acuerda la construcción de 218 viviendas de promoción en Ames
- El Ejército del Aire planea dotar de almacén de munición a la base militar de Lavacolla
- La comisión de fiestas de Conxo denuncia la venta ilegal de rifas por falsos miembros en la zona de Volta do Castro
- Prisión para el acusado de huir tras provocar un accidente mortal por un pique en Santiago
- Vientos huracanados de más de 150 km/h azotan Galicia durante la madrugada: Santiago reabre sus parques