Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SOS da Pobra para mellorar a rede de auga: as analíticas alertan de parámetros que non cumpren coas normativas

A estación de tratamento ten 60 anos, e as actuacións necesarias requiren un investimento de 6 millóns de euros

Imaxe aérea do centro urbano da Pobra.

Imaxe aérea do centro urbano da Pobra. / Fundación RIA

A Pobra

O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para facer fronte a dous proxectos: a mellora da rede municipal de abastecemento de auga e o arranxo do vertedoiro de Moldes, compartido con Ribeira.

Trátase de dúas iniciativas que o primeiro edil cualificou como "esenciais" e que deberían executarse en colaboración co organismo autonómico, "xa que o Concello carece dos medios técnicos e materiais necesarios para realizalas”, dixo.

Nunha reunión coa directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e co representante de Augas de Galicia, Gonzalo Mosquera, á que tamén asistiron a técnica de Medio Ambiente e o arquitecto municipal, o alcalde explicou que "unicamente o investimento para pór ao día as infraestruturas de abastecemento suporía un desembolso de 6 millóns de euros, unha contía inasumible para A Pobra".

Por unha banda, no caso da subministración da auga, o primeiro edil lembrou que a ETAP da Pobra ten 60 anos de antigüidade, "polo que a instalación está obsoleta e é insuficiente para cubrir a demanda actual malia ao mantemento constante que realiza o Concello e á tecnoloxía achegada pola empresa concesionaria".

Ademais, segundo Vidal, "as últimas analíticas arroxaron diversos parámetros que non compren coas normativas, e que se traducen en incumprimentos puntuais na calidade da auga". "A solución pasaría pola construción doutras dúas estacións de tratamento".  

Vertedoiro de Moldes

Por outra banda, o vertedoiro de Moldes requiriría, tal e como indicou o primeiro edil, dunha reparación “urxente” tras o desprendemento que sufriu. Neste caso, pediuse a cooperación do organismo autonómico para arranxar a cobertura de protección das láminas de selado do vertedoiro.

Para dar solución a ambas as cuestións, Vidal Suárez solicitou asesoramento e financiamento para o desenvolvemento das actuacións, “que consideramos prioritarias”, subliñou.  

Desde a Xunta de Galicia comunicouse que non se asumirá a financiación directa das intervencións, pero acadouse o compromiso de colaborar con asesoramento e supervisión dos traballos necesarios.  

O rexedor incide en que a falta de financiamento limita a capacidade do Concello para executar as medidas requiridas (a do abastecemento e a do vertedoiro), “que precisan dun investimento inabarcable para un concello como o da Pobra”. José Carlos Vidal indicou que continuará buscando alternativas e “fórmulas para garantir que estes proxectos se executen en beneficio de toda a cidadanía”.

Rexeneración do bordo litoral dos Areos

O alcalde da Pobra, acompañado do arquitecto municipal, mantivo tamén unha reunión co director xeral de Patrimonio, os seus xefes territoriais e o xefe da demarcación de Costas en Galicia con motivo do proxecto de rexeneración do bordo litoral do Areal.

Na actualidade, o proxecto está paralizado por un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio posto que, entre outras actuacións, propoñíase a demolición das naves en ruína existentes. Ditas naves está catalogadas polo PXOM e, en consecuencia, non se pode proceder ao seu derrubamento.

Desde a Dirección Xeral de Patrimonio abriron a posibilidade de modificar puntualmente o PXOM mudando a catalogación desta edificación, un trámite que tería que vir acompañado dun estudo arqueolóxico.

TEMAS

Tracking Pixel Contents