Un certame busca entre o alumnado de Secundaria 'influencers' do patrimonio natural galego
Os participantes competirán con vídeos para Instagram, TikTok ou YouTube centrados ou inspirados nalgún dos seis parques naturais de Galicia

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, durante a presentación do certame en Ribeira. / Cedida
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, animou este venres o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) a participar na segunda edición do concurso #ParqueVibras coa creación de vídeos orixinais para redes sociais sobre o patrimonio natural galego.
En concreto, esta iniciativa que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en marcha o pasado curso ten como obxectivo que o alumnado cree contidos para Instagram, TikTok ou YouTube centrados ou inspirados nalgún dos seis parques naturais de Galicia: Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Enciña da Lastra.
Con todo, a directora xeral, que presentou a iniciativa no Parque Natural de Corrubedo, en Ribeira, indicou que aínda que a temática terá que estar relacionada coa Rede de parques naturais de Galicia e cos seus valores ambientais, culturais e/ou sociais, os participantes terán liberdade para xestionar os contidos, que poderán incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.
Segundo explicou Marisol Díaz, o prazo para poder inscribirse neste concurso—de forma individual ou en grupo— xa está aberto e permanecerá así ata o próximo 19 de decembro. Os vídeos propostos deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes hashtags obrigatorios: #ParqueVibras e #GaliciaCalidade. A data límite para enviar os vídeos será o 6 de febreiro.
Haberá un máximo de cinco premios: un por provincia e outro para o vídeo máis viral. En caso de que este último coincida con algún dos anteriores, só se entregarían catro galardóns. O 27 de febreiro daranse a coñecer os finalistas e a partir de aí escolleranse os vídeos premiados.
O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para comezos do mes de abril e os gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para todos os alumnos da súa clase a un parque natural da Comunidade.
Durante a súa intervención, Marisol Díaz puxo en valor a boa acollida que tivo esta iniciativa na súa primeira edición. En concreto, participaron 56 equipos de 26 centros educativos, implicando a máis de 500 alumnos. E o alcance foi de máis de 166.000 visualizacións, 8.300 likes e preto de 600 comentarios. Deste xeito, segundo dixo a directora xeral, as alumnas e alumnos convértense nos mellores influencers do patrimonio natural galego.
Neste sentido, salientou a importancia deste tipo de actividades, que animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais, para implicar e concienciar aos máis novos sobre a riqueza dos espazos naturais e da biodiversidade de Galicia.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El Fernando Alonso de Silleda ficha por McLaren: 'Es una de las promesas más brillantes del automovilismo europeo
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- Defienden que se dé continuidad al alquiler de las casetas en el histórico proyecto hostelero de O Cotón
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza