O sector da carpintería naval en madeira busca un novo rumbo nun foro en Rianxo
Os estaleiros reclaman "mecanismos correctores" das normativas que lles afectan e que supoñen "un freo" para o despegue desta actividade

Pola esquerda, Ramón Collazo, Julián Bustelo e Marta Villaverde. / Cedida
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado en Rianxo na inauguración das XIII Xornadas de construción naval en madeira, organizadas pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Algacari) e que se celebran no Pazo de Martelo.
Na apertura do foro, que se celebra baixo o lema Un mar de madeira, participaron tamén o alcalde, Julián Bustelo, e o presidente de Agalcari, Ramón Collazo.
O obxectivo destas xornadas é revisar as reivindicacións do sector para elaborar unha folla de ruta, un novo rumbo para a construción naval en madeira en Galicia que permita proxectar esta actividade nun futuro máis sustentable.
"Un plan de ruta que precisará dun diálogo coas administracións que permita reorientar as políticas e as normativas para conseguir levar a bo porto o reto de dotar Galicia dun sector pesqueiro e de lecer con embarcacións aliñadas coas reivindicacións da sociedade no que atinxe ao dereito e a obriga de preservar os ecosistemas do noso Planeta para garantir un futuro ás vindeiras xeracións", sinalan dende Agalcari.
Neste sentido, explican que "dada a dimensión e situación do sector, todas estas accións deberan ser fortemente apoiadas e tuteladas pola Administración, con fin de poñer en marcha os mecanismos correctores das normativas que lle afectan e que supoñen un freo para o despegue desta actividade".
Marta Villaverde destacou que estas xornadas encádranse na colaboración que a Xunta vén mantendo con esta agrupación desde 2008 para dinamizar e poñer en valor o patrimonio marítimo.
Desde esa data, o departamento que dirixe Villaverde renova con carácter anual o apoio económico a dita entidade, e que xa ascende a 385.000 euros, demostrando a aposta da Xunta por un sector que tamén está a ser nicho de traballo para futuras xeracións.
Asemade, a Administración autonómica consolida o compromiso de salvagardar esta actividade co Plan de Cultura Marítima Horizonte 2030 (Pcuma), a Estratexia de Economía Azul 2024-2027 e os proxectos que impulsan os Grupos de Acción Local Pesqueira (GALP), axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo de Pesca (Femp) e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Estas achegas, cifradas en 680.000 euros, permitiron, entre outras accións, a conversión da Casa do Pendón nun centro de interpretación do estuario de Anllóns, a restauración do Dique da Cabana e a súa contorna, a reconstrución dun barco sancosmeiro, a musealización da carpintería e a recuperación da música e os oficios vinculados ao mar.
Algacari foi declarada pola Xunta como Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial en 2017. Agrupa o 98% das carpinterías de ribeira activas de Galicia, das que 20 son estaleiros, a maior parte emprazados na ría de Arousa. Este sector ten un impacto laboral de 100 empregos directos e uns 500 indirectos. O seu volume de facturación sitúase nos 10 millóns de euros.
Pola súa banda, Julián Bustelo dixo que "cando falamos de carpintería de ribeira e a de construción naval en madeira falamos de pasado, mais sobre todo falamos de futuro. Co compromiso das diferentes administracións e o impulso do sector conseguiremos garantir a súa continuidade. Unha continuidade que é sinónimo de riqueza, de cultura e de sustentabilidade".
No encontro interviron: Pablo Fraguela Casás, investigador do Plan da Cultura Marítima de Galicia da Universidade da Coruña, coa charla A cultura marítima e o seu patrimonio; Juan José Otero Vázquez, arquitecto cofundador de MOL Arquitectura e membro da Fundación Arume, coa charla Construción en madeira local: da tradición á innovación; María Azahara Soilán Cañas, técnica do CIS Madeira, que falou sobre as aportacións da madeira ao sector da construción naval; e Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, quen disertou sobre a formación especializada como vía para a remuda xeracional. Pablo Carrera López, biólogo e membro de Culturmar, moderou o acto.
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El Fernando Alonso de Silleda ficha por McLaren: 'Es una de las promesas más brillantes del automovilismo europeo
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- El ensanche norte de Santiago obligará a desdoblar la Avenida de Asturias ante el incremento del tráfico
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Investigan a una vecina de Santiago por tener a cuatro simpapeles sin cobrar y viviendo en condiciones 'deplorables
- Aterrizan en Santiago las fresas con chocolate 'más famosas y virales del mundo