Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

DISTINTIVO

Boiro reafirma o compromiso coa paisaxe e o medio natural

Ángeles Vázquez presidiu o izado da Bandeira Verde

Vázquez e Romero izando a Bandeira Verde en Boiro.

Vázquez e Romero izando a Bandeira Verde en Boiro. / Luis Polo

Boiro

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou en Boiro as 33 bandeiras verdes entregadas este ano pola Xunta de Galicia como exemplo do compromiso dos concellos coa protección ambiental e o coidado da paisaxe.

Durante o izado deste distintivo, a conselleira, acompañada polo alcalde, José Ramón Romero, incidiu en que en 2025 outorgáronse nove recoñecementos máis que o ano pasado, o que supón un incremento de máis do 37%. Para seguir avanzando na cooperación e colaboración para o desenvolvemento de iniciativas neses eidos, a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, da que poderán formar parte aqueles municipios que teñan, polo menos, tres destes distintivos desde o ano 2020.

Ademais, obter unha Bandeira Verde supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.

Múltiples actuacións

En Boiro que, por segunda vez é recoñecido coa Bandeira Verde, a conselleira explicou que o municipio cumpre «amplamente» os requisitos para obter este distintivo.

O alcalde, José Ramón Romero, sinalou que «Boiro é un municipio moi dinámico en todos os eidos e dende este goberno facemos unha gran aposta en materia medioambiental para reducir as emisións e camiñar cara un municipio máis sostible».

Nese senso, entre as actuacións desenvolvidas polo Concello de Boiro, a conselleira fixo fincapé na recuperación de sendeiros entre puntos de interese turístico -senda do río Breiro á praia de Mañóns-; no uso de iluminación solar fotovoltaica na cuberta do parque infantil; na adquisición dun terceiro punto limpo móbil; e no desenvolvemento de accións de sensibilización. Subliñou tamén o proxecto de investigación para o control da arcthotheca caléndula no paseo de Barraña.

Tracking Pixel Contents