Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SAÚDE

Sanidade garante a atención pediátrica en Muros

O conselleiro asegurou á alcaldesa que o cupo de pacientes está dentro do recomendado

Antonio Gómez e María Lago na xuntanza mantida este xoves.

Antonio Gómez e María Lago na xuntanza mantida este xoves. / X. G.

Muros

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, reuniuse coas alcaldesa de Muros, María Lago, para abordar a situación da atención sanitaria no municipio.

Gómez, confirmoulle á rexedora muradá que a atención pediátrica no municipio está garantida polo Servizo Galego de Saúde, no marco das recomendacións das sociedades científicas en canto a número de pacientes por profesional.

Indicou que a pediatra titular do centro de saúde de Muros, recentemente incorporada tras ausencia xustificada, asume a atención de algo máis de 900 nenas e nenos. "Séguense así as recomendacións establecidas polas sociedades científicas da especialidade, que fixan unha referencia de 1.000 pacientes por cupo de atención pediátrica", afirmou.

No centro de saúde de Muros quedou vacante outra praza pola xubilación do seu titular e a asistencia está a ser reforzada varios días á semana por outro profesional que, de maneira voluntaria, complementa a súa xornada ordinaria. O resto dos días, a pediatra actualmente en activo asume a atención dos pacientes adscritos a esa praza, garantindo así a continuidade asistencial.

O conselleiro trasladoulle tamén a María Lago as dificultades de cubrir as ausencias ante o déficit actual de profesionais de pediatría de atención primaria en toda España. Neste sentido, convidouna a sumarse á Xunta e ao Parlamento de Galicia e a reclamar ante o Ministerio de Sanidade medidas eficaces para paliar a falta de médicos de familia e pediatras de atención primaria.

En todo caso, subliñan dende a consellería, cando se produce unha ausencia xustificada en Muros, os menores de 3 anos son atendidos por especialistas en pediatría nos centros de saúde de Noia, por razóns de proximidade xeográfica. O resto da poboación pediátrica pode recibir "unha correcta atención" polos profesionais de medicina familiar e comunitaria do seu centro de saúde, que están altamente cualificados para a atención médica ás persoas ao longo de toda a vida.

Tracking Pixel Contents