Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sombra e froitas para o peregrino: plantan maceiras de 15 variedades nas marxes do Camiño por Muros-Noia

Na iniciativa participan alumnos do CEIP Ramón de Artaza e do IES As Insuas e usuarios do centro ocupacional de Adisbismur

Participantes nunha das plantacións de maceiras.

Participantes nunha das plantacións de maceiras. / Cedida

Noia

«Hai moitos anos, nas beiras dos Camiños de Santiago había moitas árbores frutais: pereiras, cerdeiras, ameixeiras... e moitas maceiras, polo que os peregrinos podían coller unha mazá, recuperar forza e seguir o seu camiño. Pero estas árbores foron desaparecendo co tempo», explica Montse París, da Asociación Muros Vila de Auga e Sal.

E, para recuperar unha tradición histórica que axuda ao peregrino, a Asociación de Concellos do Camiño da ría de Muros-Noia puxo en marcha, coa colaboración de Muros Vila de Auga e Sal, a iniciativa Maceiras no Camiño, un proxecto de restauración ambiental desta ruta xacobea a través da plantación de maceiras nas beiras do Camiño.

A proposta, financiada a través do GALP Costa Sostible, estase a desenvolver coa implicación de alumnos do CEIP Ramón de Artaza e do IES As Insuas e usuarios do centro ocupacional de Adisbismur, colectivo que promove a integración social, formativa e laboral das persoas con discapacidade na comarca de Muros-Noia.

De momento plantaron xa cen maceiras de variedades autóctonas e aclimatadas ás condicións ambientais e meteorolóxicas da ría, como as denominadas Tres en cunca, Cacharela ou De inverno, recollida en Santa María de Roo (Noia). Plantarán tamén as chamadas Tres en rama, Morena raiada, Ollo mouro, De pebida, Grande plana estriada, Camoesa, Reineta do país, Mingán, Pero rico, Príncipe, Reineta de cedo e De pedra doce.

Tracking Pixel Contents