Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello de Ribeira apoia con 34.000 euros a acción social de dez colectivos

A alcaldesa asinou os convenios con Ambar, Amicos, ICE Renovación, Cruz Vermella, Cáritas, A Creba, Renacer, Faibén, Ágape e a Asociación Española contra o Cancro

Vicente Mariño e María Sampedro, no centro, cos representantes dos dez colectivos.

Vicente Mariño e María Sampedro, no centro, cos representantes dos dez colectivos. / Cedida

Ribeira

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, asinaron os convenios de colaboración con dez entidades sociais que operan no municipio.

A administración local financiará por un importe total de 34.000 euros os proxectos Vivindo na comunidade, da Asociación Ambar; o servizo de atención psicopedagóxica de Amicos; o programa de atención a familias con problemas económicos, de ICE Renovación; a promoción do éxito escolar, de Cruz Vermella; a formación para o emprego, de Cáritas; o funcionamento da delegación da Asociación Española contra o Cancro; o programa de transporte de usuarios, da Creba; a prevención das drogodependencias, de Renacer; o proxecto Contigo, de Faibén; e o proxecto de atención psicopedagóxica para menores con trastorno do espectro autista, de Ágape.

Sampedro destacou que cada entidade recibirá 3.400 euros "coa finalidade de financiar parte da actividade social que desenvolven para o beneficio de veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade".

"Como administración pública debemos contribuír ao desenvolvemento da acción destas entidades que constitúen unha peza angular na nosa sociedade, establecendo sinerxías con elas para axudar a quen máis o necesita. E, neste ano, todas elas percibirán a mesma dotación económica" ,sinalou.

Pola súa parte, Vicente Mariño sinalou que "coñecedores da realidade social do noso municipio, asinamos un ano máis estes convenios de colaboración coas entidades de iniciativa social que

traballan no noso concello co obxectivo de colaborar no financiamento de proxectos encamiñados a diminuír a influencia dos factores sociais que conducen a situacións de exclusión social,

apoiando accións orientadas á mellora da saúde e calidade de vida dos colectivos máis vulnerables".

Tracking Pixel Contents