Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boiro recibe un premio pola prevención do absentismo e a mellora da convivencia escolar a través do proxecto EnClave

Foi o único concello galego galardoado no IX Concurso de Boas Prácticas Municipais

María Outeiral, no centro, co premio ao proxecto EnClave.

María Outeiral, no centro, co premio ao proxecto EnClave. / Cedida

Boiro

O Concello de Boiro vén de recibir un premio no IX Concurso de Boas Prácticas Municipais na prevención e intervención fronte ao absentismo e na mellora da convivencia escolar polo proxecto EnClave. A concelleira de Cultura, María Outeiral, recolleu este mércores o premio en Madrid, na sede da Federación Española de Municipios y Provincias.

Este concurso está convocado pola Femp e o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes e, en particular, o proxecto foi presentado na categoría de Mellora da Convivencia Escolar en Municipios de ata 20.000 habitantes.

“Somos o único concello galego que recibe un premio neste concurso e facémolo polo proxecto EnClave, que trata a saúde mental, o benestar emocional e a resolución de conflictos nos centros educativos”, destacou María Outeiral.

O proxecto EnClave do Concello de Boiro é un programa pioneiro e innovador que naceu no curso 2021/2022 para educar, previr o acoso escolar e promover o benestar emocional e a saúde mental do estudantado da localidade.

Trátase dun programa vivo que se vai adaptando cada curso escolar en función das necesidades detectadas polo persoal docente e a comunidade educativa. “Este premio é un recoñecemento a un proxecto que engloba toda a comunidade educativa e que foi creado a consecuencia das necesidades detectadas despois da pandemia”, afirmou a concelleira.

O obxectivo xeral que persegue este programa é promover unha cultura de convivencia positiva, inclusiva e corresponsable na contorna escolar mediante unha estratexia transversal e innovadora que integra os ámbitos educativo, social e da igualdade co fin de previr a violencia, fomentar a equidade e fortalecer os vínculos comunitarios. 

O proxecto, integral e preventivo, combina atención psicolóxica, promoción da saúde, detección temperá de dificultades da aprendizaxe e mellora da convivencia. A atención psicolóxica atallase a través de programas estruturados de atención psicolóxica individualizada e acompañamento emocional no contexto escolar; a promoción da saúde reforzando a prevención de hábitos saudables e autocoidados como a hixiene bucodental, a saúde visual e a educación afectivo-sexual; e detección temperá de dificultades de aprendizaxe como a dislexia e TDAH.

O proxecto desenvólvese durante todo o curso escolar, coordinado polas áreas de Educación e Igualdade do Concello de Boiro, e está financiado integramente polo Concello.

Tracking Pixel Contents