A Xunta financia con case 70.000 euros melloras nas redes de saneamento e abastecemento de Outes
A actuación máis importante consistirá no acondicionamento dos bombeos en Bendimón, Central e Requeixiño, por 48.000 €

Francisco Calo, esquerda, e Ángeles Vázquez, tras a sinatura do convenio. / Cedida
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, asinaron este venres un convenio de colaboración para a execución de distintas actuacións de mellora nas infraestruturas de saneamento e abastecemento deste municipio coruñés por importe de preto de 70.000 euros.
Os traballos son financiados por Augas de Galicia, que tamén ofrecerá apoio técnico, e a súa execución corresponde ao Concello. A intervención máis importante afecta ao tratamento de augas residuais e consistirá no acondicionamento dos bombeos nos lugares de Bendimón, Central e Requeixiño, cun investimento de máis de 48.000 euros.
En canto ás actuacións relacionadas co abastecemento, centraranse na modificación do sistema de filtrado da estación de tratamento de auga potable de Roo co fin de evitar a turbidez da auga en épocas de fortes choivas, ao que se destinará un orzamento de máis de 18.000 euros.
Esta infraestrutura distribúe 1.200 metros cúbicos de auga ao día procedentes do río Outón e en épocas de choivas intensas os seus filtros teñen un funcionamento deficiente que provoca que a auga saia turbia polo arrastre de terra e materia orgánica.
Co fin de solucionar o problema, modificarase o sistema de filtrado da auga e o seu automatizado para que poida realizar os lavados con auga limpa dos depósitos e evitar a subministración de auga con sucidade.
Esta actuación enmárcase na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos (que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración) para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 millóns de euros para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.
En global, o organismo hidráulico dedicará o próximo ano 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento (108,7 millóns de euros) e case a metade (73,6 millóns de euros), especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 millóns de euros (case un 40% máis que este ano) para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos.
O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.
- Un famoso compostelano, la viuda de Camilo José Cela y una atleta gallega, participantes de la nueva gran apuesta de RTVE
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Tormentas, granizo, nieve y vientos de intensidad huracanada: lo peor del temporal llega a Galicia
- David Uclés, premio San Clemente: 'Estoy muy unido a Santiago y a sus bibliotecas
- Aire polar, temperaturas bajo cero y fuertes heladas: Galicia se prepara para un fin de semana gélido
- Un vehículo volcado y ardiendo deja tres heridos y obliga a cortar la AP-9 en dirección Santiago
- Santiago afronta este viernes una nueva jornada de huelga de buses