Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

RECOÑECEMENTO

Dobre premio a Porto do Son na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

O concello foi distinguido polas melloras na praia O Cruceiro e no núcleo de Nebra

Rehabilitación dunha vía interior do lugar de Nebra, en Porto do Son.

Rehabilitación dunha vía interior do lugar de Nebra, en Porto do Son. / Cedida

Porto do Son

O Concello de Porto do Son vén de ser galardoado con dous premios enmarcados na XVII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo: un pola mellora do bordo da praia O Cruceiro, no núcleo municipal, e outro pola rehabilitación de espazos públicos de Nebra.

A mellora da beira do areal da vila é unha obra na que se tratou a renaturalización do acceso á mesma sen impoñer límites nin barreiras. A través da retirada do asfalto e o formigón e sentando as bases dun sistema dunar con vexetación autóctona, esta obra conseguiu definir o equilibrio entre o urbano e o natural.

A intervención abarcou uns 4.000 metros cadrados de superficie e agora o lugar conta con tres pasarelas perpendiculares de madeira que conectan co núcleo da vila, melloran a accesibilidade e, sobre todo, supoñen un maior respecto pola contorna.

Rehabilitación de espazos públicos no lugar de Nebra.

Rehabilitación de espazos públicos no lugar de Nebra. / Cedida

Outro dos recoñecementos foi o relativo á rehabilitación de espazos públicos en Nebra, unha aldea interior do municipio que precisaba recuperar o carácter orixinal do lugar co arranxo duns camiños asfaltados nos anos 80 e que xa presentaban un nivel de deterioro que dificultaba a mobilidade dos peóns en varias zonas.

Coa nova proposta arquitectónica mellorouse a accesibilidade, a recollida de augas e iluminación ao tempo que se recuperou a condición orixinal do lugar caracterizada pola gran presenza do granito.

Os premios poñen en valor as propostas arquitectónicas onde a mestura de materiais axuda á recuperación e posta en valor de lugares simbólicos ou onde a natureza e o urbano conflúen.

O alcalde, Luis Oujo, subliñou que "sempre é unha honra que o noso concello sexa recoñecido en calquera ámbito pero a verdade é que este premio tan importante a nivel nacional, e mesmo internacional, a un municipio coma o noso duns 10.000 habitantes ten aínda máis valor".

Fomos galardoados, engadiu, entre un abano de grandes cidades e grandes obras "pero obtivemos recoñecemento ao noso traballo pola recuperación da contorna natural, sempre respectando a fauna e flora que a habitan, así como as tradicións que a conforman como é o caso de Nebra, xa que forman parte da nosa cultura”.

Tracking Pixel Contents