MAR
Villaverde tilda de «inasumibles» os recortes de capturas de lirio e xarda
A conselleira reuniuse en Ribeira con representantes do sector

A alcaldesa, esquerda, a delegada da Xunta e a conselleira na lonxa de Ribeira. / Luis Polo
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou a lonxa de Ribeira, onde aproveitou para manter un encontro con representantes do sector pesqueiro galego para analizar o impacto do acordo europeo de TAC e cotas para 2026, cun foco especial na afectación que terá neste porto, un dos máis expostos polos recortes de Bruxelas.

A conselleira e a delegada da Xunta durante a visita á lonxa de Ribeira. / Luis Polo
Villaverde salientou que Ribeira é líder en Galicia nas descargas de lirio, unha especie que conta ademais cunha marca colectiva propia, Lirio de Ribeira, impulsada pola Cooperativa do Mar Santa Uxía de Ribeira (OPP 83). Máis da metade da facturación que xera esta especie nas lonxas galegas (19,6 M€), corresponden á rula da capital do Barbanza (10,2 M€).
Unha relevancia que se estende tamén á xarda, outra das especies con maior volume de descargas e valor comercial na lonxa ribeirense e no conxunto do sistema portuario galego. Este ano as vendas na comunidade superaron os 7,6 M€ dos cales 1,6 corresponden a este municipio.
Números prexudiciais
«Números que motivan a forte oposición de Galicia a unhas posibilidades de pesca para o 2026 inasumibles e gravemente prexudiciais», afirmou a conselleira, que advertiu de que os recortes aprobados para estas pesqueiras teñen un «impacto directo sobre a actividade económica, o emprego e a viabilidade das empresas nun porto especializado nestas especies, o que reforza a preocupación da Xunta ante un acordo que non incorporou a necesaria dimensión socioeconómica».
Neste contexto, Villaverde lembrou o papel activo da Xunta durante o proceso negociador, coa achega de informes detallados sobre o impacto socioeconómico dos recortes, nos que se advertía das consecuencias negativas para a frota galega e para o conxunto da cadea mar-industria. Uns informes que, lamentou, «non foron tidos en conta pola Comisión Europea. Ademais, criticou que o Ministerio concentrase os esforzos en mellorar a situación para o Mediterráneo e loitase menos pola frota do Atlántico».
Artellar medidas co sector
Reiterou o compromiso do Goberno galego de traballar co sector para estudar e artellar medidas que permitan mitigar o impacto destes recortes, defendendo unha xestión dos recursos que combine a sustentabilidade ambiental coa viabilidade económica e social dunha actividade estratéxica para Galicia e para portos clave como o de Ribeira.
O vindeiro venres celebrarase un Consello Galego de Pesca, no que se analizará polo miúdo o acordo de TAC e cotas e as súas impliacións en toda Galicia.
Portos cederá a Rianxo unha parcela para aparcadoiro público
Portos de Galicia cederá temporalmente ao Concello de Rianxo a parcela contigua ao auditorio para o seu uso como aparcadoiro público por parte de usuarios portuarios e veciñanza en xeral.
Así o comunicou a conselleira, Marta Villaverde, nunha visita á zona, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez. Explicou que se trata dunha parcela de máis de 6.000 metros cadrados que, a día de hoxe, non rexistra actividade portuaria e foi solicitada polo Concello.
Portos de Galicia facilitará este uso en aras do beneficio veciñal, sen prexuízo de poder recuperala para o uso portuario no momento en que se presente unha proposta de actuación neste espazo.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- La transformación del conector central de Santiago: 22 equipos presentan sus propuestas y solo 5 pasarán a la final
- Impresionante chalet de obra nueva a las puertas de Santiago: diseño, eficiencia y naturaleza en un entorno privilegiado
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario: «Estamos co medo de que se nos veña todo abaixo»
- Herida una joven al chocar contra un muro y otro coche en Boqueixón