O Certame de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, da Pobra, xa ten gañador
O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros e nesta oitava edición presentáronse 35 obras

Pola esquerda, Óscar Reboiras, Patricia Lojo, Marcos Calveiro e Encarna Pego. / Cedida
Daniel Landesa (Vigo, 1976) acaba de converterse no gañador do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, convocado polo Concello da Pobra.
Baixo o título de Nenapingüin, a obra de Landesa acadou o voto unánime do xurado, que destacou a “calidade literaria e unha trama protagonizada por nenos que padecen enfermidades na que se escapa do sentimentalismo e do melodrama, incorporando notas de humor e diversión”.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, agradeceu o labor do xurado, “que tivo un papel difícil pola cantidade e calidade dos traballos presentados”.
De entre os escritos presentados, Nenapingüin conquistou o tribunal e foi elixida de xeito unánime. O xurado destacou que se trata dunha historia “apta para un abano moi amplo do público infantil que interpela directamente a intelixencia e a sensibilidade do lectorado”.
Nesta edición, o xurado estivo conformado polo director de edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, pola vicepresidenta da Asociación Cultural Barbantia, Encarna Pego, e polo gañador da sétima edición do premio, Óscar Reboiras.
Coa de 2025, o Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro vai xa pola súa oitava edición. Con este certame, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación Cultural Barbantia e a Editorial Galaxia, búscanse varios obxectivos: promover a cultura en galego, darlle aos novos autores e autoras a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo e homenaxear a Xosé Carlos Mosteiro Fraga.
Durante a súa intervención, a concelleira de Cultura destacou o "alto nivel da edición", así como o aumento no número de "traballos presentados, algo que nos confirma que o certame continúa afianzándose na comarca". Así, o ano pasado presentáranse 30 propostas, mentres que este ano esta cifra chegou ás 35.
Como premio, Landesa recibirá un galardón económico de 3.000 euros e verá publicada a súa historia dentro da colección Árbore da editorial Galaxia.
A traxectoria de Daniel Landesa
Daniel Landesa é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e o Carlos Mosteiro non é o único galardón que ostenta. Así, o vigués conseguiu tamén o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro do IES de Celanova (1995), o Premio de Poesía Universidade de Vigo (2001), o primeiro accésit de teatro da Universidade de Vigo (2001) e o premio no VIII do Certame de Narración Curta do Concello de Curtis.
O escritor é autor de títulos como Caramonia (Xerais, 2023), Penumbra (Xerais, 2019), Da casa nova (A vida en Prypiat, 2014), Ningún paxaro exótico (A vida en Prypiat, 2017), Unha sorpresa para Goruk (editorial Galaxia, 2012), entre outros.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- La transformación del conector central de Santiago: 22 equipos presentan sus propuestas y solo 5 pasarán a la final
- Impresionante chalet de obra nueva a las puertas de Santiago: diseño, eficiencia y naturaleza en un entorno privilegiado
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario: «Estamos co medo de que se nos veña todo abaixo»
- Herida una joven al chocar contra un muro y otro coche en Boqueixón
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney