Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Premian un proxecto educativo do CEIP de Outes sobre igualdade

Parte da visibilización de mulleres relevantes en ámbitos como a ciencia, a arte, a tecnoloxía ou o deporte

Integrantes do xurado do certame.

Integrantes do xurado do certame. / Cedida

Outes

O XII Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero, que convoca a Deputación da Coruña, xa ten gañadores. Os traballos Un mar de arco iris, do CEIP María Pita, na categoría de Educación Infantil; Tecendo saberes, do CEIP de Outes, na modalidade de Primaria; e Patio para ti e para tods*, do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I de Santiago, na categoría de Secundaria, Bacharelato e FP básica e grao medio, foron as propostas premiadas.

Cada un dos proxectos gañadores recibirá 5.000 euros.

De Tecendo saberes o xurado destacou «o seu carácter transversal e o seu enfoque feminista e pedagóxico profundo, integrando a igualdade de xénero, a xustiza social e a diversidade no proxecto educativo do centro en Educación Primaria».

A iniciativa do CEIP de Outes parte da visibilización de mulleres relevantes en ámbitos como a ciencia, a arte, a tecnoloxía ou o deporte, incorpora metodoloxías activas e experiencias artísticas e fomenta o pensamento crítico, a creatividade e a convivencia igualitaria.

No caso de Un mar de arco iris, o xurado salientou que se trata dun proxecto en fase de execución na etapa de Educación Infantil que promove a igualdade de xénero e a diversidade desde idades temperás, con especial atención á educación sexual a través de actividades creativas e emocionais.

A proposta implica alumnado, profesorado e familias en itinerarios por cores que abordan identidade de xénero, corresponsabilidade, prevención da violencia, visibilización de mulleres e masculinidades diversas, afectividade e sexualidade, cun enfoque transversal en igualdade e especial atención á diversidade e á prevención das violencias.

Na modalidade de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional básica e grao medio, o xurado propuxo como proxecto gañador Patio para ti e para tods*, do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Segundo recolle a acta, trátase dunha proposta executada parcialmente que busca transformar os espazos de lecer e patio do centro nun entorno coeducativo, inclusivo, igualitario e seguro, a partir dunha diagnose participativa que identifica usos segregados por xénero.

O proxecto propón a reconfiguración dos espazos e dos recreos, coa implicación do alumnado e dos equipos de convivencia e igualdade, prestando especial atención á visibilización do colectivo LGTBIQ+ e aos coidados como eixo dunha filosofía feminista.

O xurado do XII Premio Concepción Arenal estivo presidido pola deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Eva Ovenza Pereira, técnica de políticas de igualdade da Deputación da Coruña; Sara Vierna Fernández, educadora social e especialista en igualdade de xénero e educación emocional; e Ánxela Lema París, investigadora posdoutoral da Universidade da Coruña. Actuou como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo de acción social, cultural e deportes da Deputación.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, felicitou as entidades premiadas e puxo en valor a traxectoria do certame, subliñando que “na maior parte dos colexios e institutos” da provincia se está a facer “un moi bo traballo para a promoción da igualdade de xénero”. Por esta razón, fixo un apelo á participación en próximas edicións do certame, ao que poden concorrer tanto os centros educativos como as asociacións de nais e pais.

Tracking Pixel Contents