Boiro, Muros, Outes e Carballo soben ao podio os seus mellores activos no eido do deporte
Houbo recoñecementos especiais para o boirense Víctor Costado, a carballesa Gemma Paz Bello, a muradá Eva Val e os outenses José Manuel Fernández e Domingo Suárez

Foto de familia das autoridades e os homenaxeados na Gala do Deporte de Boiro. / Cedida
Os concellos de Boiro e Carballo celebraron as súas respectivas galas deportivas, nas que fixeron un recoñecemento público aos deportistas máis destacados das diversas disciplinas, e tamén a aquelas persoas que destacan polo seu apoio nese eido.
O Concello de Boiro homenaxeou os seus deportistas máis destacados nas distintas modalidades deportivas que se practican no municipio. O acto estivo conducido polo xornalista deportivo Terio Carrera e contou coa participación do alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo.
Fíxose entrega de máis de cen distintivos divididos en duas categorías: individuais e equipos. En canto aos individuais galardóanse aqueles deportistas que acadaron un podio en campionatos galegos, ata un 6º posto en campionatos de España, ata un 10º posto en campionatos europeos e ata un 20º posto en campionatos do mundo.
Nesta clasificación atópanse deportistas do Club de Natación Boiro, do Club de Taekwondo Malamía, do Costado Boiro, Piragüismo Rías Baixas, Club de Remo Cabo de Cruz, e tamén deportistas individuais que destacan nas súas modalidades, como os piraguistas Diego Romero e Diego Miguéns, o culturista Sebastian Lago, Nolo Romero, Alexis Miguéns ou Jorge Candán.
En canto aos premios a clubs valórase ter conseguido un ascenso de categoría, resultar gañador na correspondente competición ou ter acadado como mínimo un terceiro posto nun campionato galego ou un 6º nun campionato de España.
Foron galardoados nesta categoría o Abanqueiro SD, o Boiro Voleibol, o CD Boiro, o Club de Natación Boiro, Club de Patinaxe Boiro, Piragüismo Rías Baixas, Costado Taekwondo, EFM Concello de Boiro, Barbanza Pitch and Putt, Club Deportivo Malamía e o Club de Remo Cabo de Cruz.
O alcalde, José Ramón Romero, foi o encargado de pechar o acto agradecendo o compromiso e dedicación dos deportistas e clubs que levan o nome de Boiro por boa parte do mundo.
“Entregamos hoxe máis de 100 recoñecementos, un dato que reafirma o altísimo nivel deportivo que temos en Boiro nas diversas modalidades deportivas e categorías”, dixo o rexedor.
O acto contou cunha mención honorífica, que nesta ocasión se lle deu a Víctor Costado, do Costado Taekwondo, pola súa traxectoria deportiva ao fronte do club e a súa aposta polo deporte.
Tamén o venres se celebrou a Gala do Deporte de Carballo, na que foron recoñecidos como mellores deportistas locais Ruth Fuentefría Sánchez, do Club Halterofilia Coruña, e Tomás Pombo Álvarez, do C.C. Padronés Cortizo + Movistar Team Academy UCI.

Autoridades e homenaxeados na Gala do Deporte de Carballo. / Cedida
Lucía Ngnipa Nintedem, das Escolas Balonmán Xiria, e Brais Pensado Albertí, de Salvamento e Socorrismo Carballo, foron premiados como mellores deportistas promesa.
O Bergantiños F.C. Feminino e a Escola Lubiáns Sénior Liga OK Bronce recolleron os premios Pedras Brancas.
O Premio Carballo Deporte á entidade con maior distinción na especial contribución a tarefas de fomento do deporte e/ou organización de actividades deportivas foi para Agrupación Deportiva Un Paso Máis.
O Premio Arsenio Iglesias ao mellor adestradora/adestradora entregouse a Arturo Ferraces Martínez, da Escola Basket Xiria.
O Premio Luís Calvo Sanz á institución, entidade, etc. coa actuación máis distintiva na colaboración co deporte carballés correspondeulle á Fundación Luís Calvo Sanz.
O Premio Vida Dedicada ao Deporte recaeu pola súa traxectoria trascendente no eido deportivo local, en Gemma Paz Bello.
O presentador do evento foi o xornalista Luis Fraga, "fillo, neto e bisneto de carballeses", como se presentou el mesmo.
A gala estivo amenizada polo grupo de violíns do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, dirixido por Rosa Fernández Valdivieso; a cantante Marta Méndez, de Cances, que estivo acompañada ao piano por Sergio Castellanos; e as ximnastas de Rítmica Carballo.
Muros celebrou este sábado a II Gala do Deporte no auditorio do centro cultural. Foron galardoados como mellores deportistas Alejandra Formoso e Víctor Ramos (ambos os dous en atletismo).
Recoñecéronse asimesmo, como mellor club local, URME, de remo; e como promesas feminina e masculina, Eva Formoso e Jesús García (ambos os dous en trail running).

Autoridades e galardoados na Gala do Deporte de Muros. / Cedida
O Premio Especial da Veciñanza foi para Víctor Ramos. Tamén se recoñeceu como mellor evento deportivo municipal o Trail Cova da Bruxa.
As mencións especiais foron para Félix Rebollido (Trail Cova da Bruxa), Ricardo Rodríguez (pola súa traxectoria vinculada ao fútbol de Muros) e Juan Manuel París (fundador do Club de Remo Muros).
O recoñecemento especial do Concello foi para Eva Val (remeira).
A alcaldesa, María Lago, destacou que "o deporte é sinónimo de saúde, igualdade de oportunidades e cohesión social”, así como "a importancia do deporte local para fomentar o sentimento de pertenza”.
E o Pazo do Tambre, de Pontenafonso, acolleu tamén o sábado a III Gala do Deporte de Outes, que reuniu preto de 300 persoas vinculadas ao tecido deportivo, social e institucional do municipio e que foi presentada por Pablo Ríos.
Entre as autoridades presentes atopábanse o alcalde de Outes, Francisco Calo, o concelleiro de Deportes, Tono Caamaño, e outros membros da Corporación municipal. En representación da Xunta de Galicia asistiu María Mar Ferreiro Broz, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na Coruña.
A madriña da gala foi a futbolista Lúa Arufe Calo (Porto do Son), xogadora do F.C. Barcelona, que regresaba de París tras facer o seu debut na UEFA Women’s Champions League o pasado mércores.
Nela entregáronse os recoñecementos aos mellores deportistas locais, masculino e feminino (Sergio Añón e Rosa Outeiro); ao mellor deportista promesa (Diego Castelo); e ao mellor adestrador (Pepe Saborido, da Escola de Piragüismo e Triatlón Outes).

Autoridades e galardoados na Gala do Deporte de Outes. / Cedida
Asimesmo, recoñeceuse como Equipo Outense Destacado aos veteranos do Club Baloncesto Outes. O premio ao mellor club ou entidade deportiva foi para a Escola de Piragüismo e Triatlón Outes (EPT Outes); e o premio ao patrocinio e colaboración co deporte, para o Restaurante Pepe do Coxo, do Freixo.
O recoñecemento ao evento deportivo do ano correspondeulle ao Máster Nacional de Futbolín A Riola, e as mencións especiais Toda unha vida dedicada ao deporte foron para José Manuel Fernández Mirás e Domingo Suárez Vilariño Balón.
A gala contou coa actuación dunha representación da Escola de Música Municipal, dirixida por Manuel Blanco Dosil, que puxo o toque artístico á velada.
Ademais, realizouse un sorteo de material deportivo aportado polos clubs municipais, así como vales de compra en Deportes Casais, sesións de spa en Spasinho e sesións de fisioterapia nas
clínicas Physis e Vainca de Outes.
A gala rematou cunha sesión de fotografías no photocall oficial, na que participaron premiados, finalistas, autoridades e a madriña do evento.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- La transformación del conector central de Santiago: 22 equipos presentan sus propuestas y solo 5 pasarán a la final
- Impresionante chalet de obra nueva a las puertas de Santiago: diseño, eficiencia y naturaleza en un entorno privilegiado
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario: «Estamos co medo de que se nos veña todo abaixo»
- Herida una joven al chocar contra un muro y otro coche en Boqueixón