Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Chasco literario en Noia: declaran deserto o certame Avilés porque as obras "non teñen o mínimo de calidade"

O xurado lamenta que algúns dos relatos «serían susceptibles de melloras lingüísticas»

Pola esquerda, Mariña Pérez, Chelo Martínez, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Oliva Fraga.

Pola esquerda, Mariña Pérez, Chelo Martínez, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Oliva Fraga. / Cedida

Noia

O xurado do XXIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, convocado polo Concello de Noia, acordou este luns declarar o premio deserto, dado que as obras orixinais presentadas «non acadaron os mínimos de calidade literaria que se esixe neste certame».

Asimesmo, o xurado lamenta que «algunhas das obras serían susceptibles de melloras lingüísticas e literarias que sustentasen o interese dos seus argumentos».

O premio tiña unha dotación económica de tres mil euros, e incluía a publicación da obra gañadora e unha escultura do artista local Alfonso Costa.

Con todo, o xurado expresou a súa «satisfacción» polo número de participantes, «en aumento desta volta». Nesta edición presentáronse 16 orixinais.

O xurado estivo formado por Chelo Martínez Pérez, concelleira de Cultura, e polos escritores e profesores Mariña Pérez Rei, María Dolores Arxóns Álvarez, Xavier Castro Rodríguez e Antonio Piñeiro Fernández, exercendo como secretaria do mesmo Oliva Fraga Lombardía.

Por segunda vez en tres anos

Non é a primeira vez que se declara deserto o certame literario máis importante de Noia. Ocorreu tamén, por exemplo, no ano 2022, cando se presentaran só dez obras ao certame.

Por outra banda, no ano 2020 o Concello de Noia suspendeu os prazos da edición número dezanove do citado certame debido á pandemia do coronavirus, creando un novo concurso denominado Letras na casa.

Tracking Pixel Contents