Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Muros lanza unha campaña coa que convida a mercar en galego no comercio local

A iniciativa promove tamén os servizos de proximidade, incluídos aqueles que funcionan porta a porta

María Lago, centro, e Laura Rivadeneira, dereita, cunha comerciante de Muros.

María Lago, centro, e Laura Rivadeneira, dereita, cunha comerciante de Muros. / Cedida

Muros

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Muros vén de lanzar a campaña Muros, onde vives, onde mercas, onde contas, unha iniciativa coa que se quere poñer en valor o comercio local e os servizos de proximidade como pezas clave da vida económica e social do municipio.

A campaña comeza nestas datas de Nadal cunha primeira acción que consiste no reparto, entre os establecementos comerciais, de pegatinas do Apalpador e bolsas de papel, apostando así por visibilizar o pequeno comercio ao tempo que se promoven a lingua galega e a cultura popular.

Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira, “queremos aproveitar esta época de moita actividade comercial para dar visibilidade ao pequeno comercio de Muros, e quixemos facelo apostando pola nosa lingua propia, o galego, e por unha figura da nosa cultura popular como é o Apalpador. Porque cando escollemos agasallar e mercar na nosa lingua, escollemos tamén mercar e agasallar no noso comercio”.

Desde a concellería adiantan que esta é só a primeira dunha serie de accións que se desenvolverán ao longo de 2026, e que a campaña non se limita unicamente á visibilidade do comercio tradicional. O obxectivo é tamén poñer o foco na importancia dos servizos de proximidade, incluídos aqueles que funcionan porta a porta e que permiten a moitas persoas dos núcleos rurais, especialmente con mobilidade reducida, realizar compras durante todo o ano.

“É unha campaña que quere poñer en valor todo o que implica o comercio de proximidade: non só como un espazo no que mercar mercadorías, senón como unha actividade que dinamiza a vida nos concellos pequenos, que cohesiona o territorio e que achega valores engadidos que non ofrecen nin as grandes plataformas dixitais nin as grandes superficies”, explicou a alcaldesa, María Lago.

Tracking Pixel Contents