Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O auditorio de Muros será un dos primeiros espazos en proxectar 'Rondallas', o novo filme de Sánchez Arévalo

Poderase ver no auditorio municipal os días 2, 3 e 4 de xaneiro

Imaxe do cartel da película 'Rondallas'.

Imaxe do cartel da película 'Rondallas'. / Cedida

Muros

O auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros recibirá o ano 2026 sendo un dos primeiros espazos en proxectar Rondallas, a nova longametraxe dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, que poderá verse durante a fin de semana do venres 2 ao domingo 4 de xaneiro.

Con esta estrea, Muros convértese nun dos primeiros concellos en achegar ao público esta comedia vitalista ambientada nun pobo mariñeiro galego, que fala da memoria, do loito compartido e da forza da música tradicional como motor para volver mirar cara adiante.

O filme conta cun elenco integramente galego encabezado por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas, xunto a Judith Fernández, Carlos Blanco, Fer Fraga, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde e Lola López Rodríguez.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca que “Rondallas é unha película moi especial, profundamente ligada á identidade, á memoria colectiva e á música tradicional galega, e parécenos unha forma magnífica de comezar o ano cun cinema que emociona e que fala do noso”.

A concelleira subliña tamén “a aposta do auditorio por achegar estreas recentes e cinema galego de calidade ao público da vila”.

Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE, Rondallas supón o regreso ao cinema de Daniel Sánchez Arévalo tras títulos tan recoñecidos como Azul oscuro casi negro, Primos ou Diecisiete, cunha historia que combina humor, emoción e unha ollada optimista cara ao futuro.

A película proxectarase en Muros o venres, 2 de xaneiro ás 20.30 horas; o sábado 3 ás 20.30 horas; e o domingo 4 ás 19.00 horas.

As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil da localidade.

TEMAS

Tracking Pixel Contents