Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OCIO

Máis de cinco mil persoas gozaron do parque infantil de Nadal en Boiro

O espazo, promovido por ABE, volverá abrir o 2 e 3 de xaneiro

O parque da Asociación Boirense de Empresarios xuntou a pequenos e maiores.

O parque da Asociación Boirense de Empresarios xuntou a pequenos e maiores. / Cedida

Boiro

O parque infantil de Nadal da Asociación Boirense de Empresas (ABE) converteuse xa nun dos grandes atractivos en Boiro tras o éxito das súas dúas primeiras xornadas, celebradas os días 22 e 23 de decembro no polideportivo da Cachada, cunha afluencia de máis de 5.000 persoas.

Na primeira xornada do parque, o luns 22 de decembro, rexistrouse a asistencia de máis de 2.000 persoas. Durante a tarde repartíronse 500 chocolates con biscoito e 461 bolsas de palomitas, contabilizáronse 750 accesos aos inchables e os talleres creativos acadaron o 100% de ocupación. Estes talleres de caracter interxeracional, foron impartidos por Agadea, cunha excelente acollida por parte do público.

O martes 23 de decembro, a afluencia superou as 3.000 persoas. Repartíronse 428 bolsas de palomitas, rexistráronse máis de 1.100 accesos aos inchables e 500 nenos e nenas recibiron un cono de gominolas e máis de 600 crianzas participaron na gran recepción con Papá Noel, facendo fotografías e gozando dunha das actividades máis agardadas do Nadal. Os talleres, impartidos nesta ocasión por Cruz Vermella, volveron completar o 100% das prazas dispoñibles.

Pequenos e maiores gozaron dos xogos e múltiples actividades.

Pequenos e maiores gozaron dos xogos e múltiples actividades. / Cedida

Desde a ABE destacan a resposta da veciñanza e das familias, así como o valor do parque infantil como espazo de encontro, lecer familiar e dinamización comercial.

A entidade lembra que o acceso ao parque é gratuíto e que moitas actividades son de acceso libre, mentres que para participar nas degustacións e acceder aos inchables é preciso contar con invitacións que se poden obter nos negocios asociados á ABE ou no punto de información situado no propio parque, presentando tickets ou facturas de compra.

Tres mil euros en vales

No que respecta ao sorteo presencial de 3.000 € en vales de compra, que se celebrará o sábado 3 de xaneiro, xa se levan cambiadas máis de 3.400 rifas. Ademais, as persoas que participan no canxe están a recibir agasallos directos, esgotándose xa os 300 calendarios e gran parte das 400 bolsas da edición especial de Nadal da ABE.

A Asociación Boirense de Empresas lembra que o parque infantil de Nadal volverá abrir as súas portas os días 2 e 3 de xaneiro, con novas actividades, inchables, animación e o sorteo final, e anima a toda a veciñanza a seguir participando nesta iniciativa que busca consolidarse como unha das citas máis importantes do Nadal en Boiro, reforzando o comercio local e ofrecendo unha programación familiar, inclusiva e segura.

TEMAS

Tracking Pixel Contents