PROGRAMA
Lousame ofrece 900 euros por nacemento para tentar frear a despoboación
Aumentará ás aportacións a ANPA Alecrín e brindará apoio á lactancia materna

Silvia Agrafojo, esquerda, Esteban Ares e Alicia Conde, presentando o programa. / Cedida
O Concello de Lousame impulsa un plan «novidoso e ambicioso» para fomentar a natalidade e reverter a despoboación do rural. Bautizado como Nacín en Lousame, un orgullo que se debe coidar, este plan «é só o comezo, porque temos o obxectivo de que ano a ano se vaia ampliando e implementando con novas medidas segundo as partidas económicas das que poidamos dispoñer», afirmou o alcalde, Esteban Ares, no acto de presentación.
Cunha media de 15 nacementos nos últimos anos, «un dos primeiros obxectivos do novo grupo de goberno e no que levamos traballando estes meses foi a posta en marcha deste plan novidoso para fomentar a natalidade, que presentamos no mesmo día no que se aproban os Orzamentos de 2026, nos que se inclúe a correspondente partida económica para esta iniciativa», engadiu.
Tres liñas de actuación
O programa inclúe tres liñas de actuación. Así, todos os nenos e nenas que nazan no municipio a partir do 1 de xaneiro de 2026 recibirán unha axuda económica directa do Concello de 900 euros, condicionados a que tanto a crianza como cando menos 1 dos seus proxenitores estea empadroado en Lousame durante os 3 anos que dura a achega, de forma que recibirán 300 euros cada ano.
«A decisión de non pedir que os dous proxenitores estean empadroados no municipio débese á necesidade de incluír a todo tipo de familias: monoparentais, divorcios, separacións...», puntualizou o alcalde lousamiá.
Actividades escolares
A segunda liña de actuación baséase na idea de que «non queremos axudar só aos nenos que nacen, senón tamén aos que xa están, e pensamos que é xusto recoñecer o labor que fai a ANPA Alecrín do CPI Cernadas de Castro e todas as actividades que organiza para os nenos, polo que imos incrementar nun 33% a partida para mellorar a súa financiación e que poidan seguir mellorando as actividades que ofrecen aos nenos e nenas», detallou Ares García.
A terceira liña será a posta en marcha dun programa de apoio á lactancia materna, que será dirixido por Alicia Conde, asesora de lactancia. «Queremos protexer e coidar as nais e ofrecerlles este servizo para que se sintan acompañadas e poidan resolver calquera dúbida, tanto durante o embarazo como nos primeiros meses de vida do neno ou nena», explicou o alcalde lousamiá.
Oferta de conciliación
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, sinalou que «este programa súmase aos servizos que xa temos, como o Punto de Atención á Infancia, os plans de conciliación e os campamentos».
Acompañamento personalizado e a domicilio para todas familias
Alicia Conde explicou que o programa de apoio á lactancia «ofrecerá ás nais toda a información e formas para levar a lactancia da mellor forma posible xa que é un mundo marabilloso pero no que tamén pode haber dor e moita soidade».
Por iso, dende o Concello promoverán a posta en marcha de talleres e obradoiros para explicar como actuar nos primeiros días e tamén durante o embarazo, e como compaxinar a incorporación ao traballo coa lactancia.
Uns obradoiros que se complementarán con acompañamentos personalizados. «Desprazarémonos á casa para resolver situacións ou implementar medidas que resolvan as dificultades que poidan xurdir», sinalou Alicia Conde.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- La transformación del conector central de Santiago: 22 equipos presentan sus propuestas y solo 5 pasarán a la final
- Impresionante chalet de obra nueva a las puertas de Santiago: diseño, eficiencia y naturaleza en un entorno privilegiado
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario: «Estamos co medo de que se nos veña todo abaixo»
- Herida una joven al chocar contra un muro y otro coche en Boqueixón