PLENO
Lousame prioriza o gasto social e elimina a aportación a grupos políticos no orzamento
Promoverá a candidatura de Zernadas de Castro ás Letras Galegas 2027

Pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos de 2026 de Lousame. / Cedida
O pleno de Lousame aprobou, en sesión extraordinaria, os orzamentos de 2026, que ascenden a 3.825.134,21 euros, cos votos a favor do Partido Popular, mentres que os concelleiros de PSOE e BNG votaron en contra.
O gasto social volve ser un dos eixos das contas municipais, coa creación de novas partidas e o incremento doutras. No capítulo de novas incorporacións figuran os 13.500 euros destinados á posta en marcha dun programa de promoción da figura de Zernadas de Castro co obxectivo de que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da morte do cura de Fruíme.
Outra novidade foi a modificación das subvencións nominativas ao Club de Xubilados de Lousame, aos equipos de fútbol do Lesende e Lousame e á ANPA Alecrín, que medran un 33%.
Así mesmo, o alcalde, Esteban Ares, confirmou o anunciado no pleno de novembro: "a eliminación das asignacións aos grupos políticos municipais. Esa partida irá integramente á financiamento do programa de fomento da natalidade, que tamén contará con outra partida especial para impartir os talleres de apoio á lactancia”.
O máis grande da historia
O rexedor aclarou que nas contas aprobadas "non se inclúen as obras do POS+, que non se coñecerán ata o mes de febreiro. Cando se incorporen, será o orzamento máis grande da historia do Concello de Lousame”.
Ares García explicou que o seu compromiso foi ter os orzamentos aprobados antes de fin de ano "para empezar 2026 con eles aprobados para así traballar con normalidade e non ter que prorrogar os de 2025".
Lamentou a imposibilidade de ter convocada a comisión informativa sobre as contas "pero o principal é ter aquí os orzamentos, pois pasamos o mes de Nadal traballando para poder traelas aquí este 26 de decembro. Ogallá para o ano poidamos traelos antes, en novembro".
Agradeceu o esforzo e traballo realizado pola secretaria-interventora para elaborar os orzamentos en tempo. "Lousame é, tras Outes, o único concello da comarca que presentou os orzamentos no tempo que marca a lei", recordou Ares García.
Debate plenario
O alcalde, Esteban Ares, ofreceu aos voceiros da oposición a posibilidade de realizar un receso na sesión para que estes puideran resolver as súas dúbidas sobre os orzamentos co asesoramento da secretaria-interventora, quen respondeu a todas as súas dúbidas.
O voceiro socialista, Juan José Prego, criticou que non se trasladara aos grupos da oposición a intención do Goberno de crear un plan de fomento da natalidade; mentres que o voceiro do grupo mixto, Anxo Moledo, pediu a elaboración dun novo PXOM para consolidar poboación e criticou a eliminación das asignacións os grupos políticos municipais. "Non estamos de acordo, é unha medida de esgotamento da oposición", afirmou. Unha postura que tamén compartiron os concelleiros socialistas.
Esteban Ares explicou que o Plan de Fomento da Natalidade é só unha proposta para asentar poboación, "como tamén o serán pelexar pola instalación de fibra en todo o municipio, manter e incrementar os servizos… é unha medida máis”.
Ademais, desestimou a proposta de elaborar un novo Plan Xeral xa que "o noso PXOM é anterior ao 2006. Facer un novo suporía perder a metade do solo urbanizable que temos agora, polo que non lle vexo ningún beneficio porque o novo plan sería sempre moito máis restritivo".
POS+Adicional
Antes da aprobación dos orzamentos, os tres grupos aprobaron por unanimidade destinar a gasto corrente os 66.509,06 euros do POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios, achegado pola Deputación da Coruña.
- Un famoso compostelano, la viuda de Camilo José Cela y una atleta gallega, participantes de la nueva gran apuesta de RTVE
- Tormentas, granizo, nieve y vientos de intensidad huracanada: lo peor del temporal llega a Galicia
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos
- David Uclés, premio San Clemente: 'Estoy muy unido a Santiago y a sus bibliotecas
- Santiago afronta este viernes una nueva jornada de huelga de buses
- Licitan por 12,8 millones el mantenimiento de las instalaciones hospitalarias en Santiago
- Reurbanización de Santiago de Chile: o proxecto piloto para mudar o Ensanche
- La macrofiesta más esperada del carnaval gallego está en área y ya tiene fechas: 'Un viaje musical apoteósico