Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CELEBRACIÓN

O Sorteo do Décimo reparte ilusión e ateiga as rúas de Noia

Aumentaron os premios e sorteáronse 30 lotes de Nadal

Centos de persoas ateigaron a rúa do Curro para seguir o Sorteo do Décimo.

Centos de persoas ateigaron a rúa do Curro para seguir o Sorteo do Décimo. / Cedida

Noia

A rúa do Curro de Noia ateigouse para seguir o xa tradicional Sorteo do Décimo organizado polo Concello en colaboración con Noia Histórica. No bombo entraron décimos que non foron premiados no sorteo de Nadal para darlle unha segunda oportunidade aos seus posuidores.

Este ano ampliáronse os premios, e ademais sorteáronse 30 lotes de Nadal. Os boletos recolléronse en catro urnas distribuídas por toda a rúa do Curro. A participación foi "impresionante e consolida o sorteo como unha cita imprescindible do Nadal noiés”, afirmou Abel Pan, concelleiro de Eventos.

Dúas nenas de Pontenafonso cantando os premios en Noia.

Dúas nenas de Pontenafonso cantando os premios en Noia. / Cedida

A xornada deu comezo cunha panxoliña cantada a coro, que envolveu o espazo nun ambiente emotivo e comunitario. Mantendo a tradición, a "man inocente" recaeu en cinco nenos e nenas de Pontenafonso, que cantaron os décimos premiados e os nomes das persoas agraciadas entre aplausos e emoción.

O sorteo comezou cos 30 lotes de Nadal, para continuar despois cos bonos de compra, que este ano contaron cunha entrega de premios compartida entre representantes municipais e da asociación organizadora.

Alba Expósito, Presidenta de Noia Histórica, encargouse de facer entrega do Premio Especial de Noia Histórica, dotado con 800 €, subliñando que “cada ano conseguimos que o Sorteo do Décimo de Noia siga medrando". A incorporación dos lotes, engadiu, "reforza o carácter comunitario desta celebración e impulsa o comercio local, que é o corazón de Noia Histórica".

O alcalde, Francisco Pérez, esquerda, entregando un dos segundos premios.

O alcalde, Francisco Pérez, esquerda, entregando un dos segundos premios. / Cedida

Na entrega dos dous segundos premios de 500 € e dos tres terceiros de 300 € participaron o alcalde, Francisco Pérez; o tenente de alcalde, Manolo Seijas; a segunda tenente de alcalde, Sandra González; e o concelleiro de Eventos, Abel Pan.

O rexedor destacou que "as rúas de Noia están cheas de vida e felicidade, e iso é o mellor agasallo que podemos recibir como Concello. Vese nas caras da xente, na alegría das máis pequenas e pequenos, na participación masiva en cada actividade. Este Nadal está a traer un ánimo extraordinario á vila, e imos seguir traballando para mantelo".

Pola súa banda, Manolo Seijas subliñou que "unimos tradición, ilusión e vida nas rúas, cun orgullo inmenso polo compromiso e entusiasmo da nosa veciñanza".

A xornada pechouse cunha nova panxoliña entoada colectivamente polos asistentes e cun convite do Concello de Noia a participar no tradicional prefinde de ano, que terá lugar o 31 de decembro ás 12.00 horas diante da casa consistorial, como despedida festiva deste 2025.

Tracking Pixel Contents