Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

HOMENAXE

Carnota lembra a Rogelio Saborido, un 'valedor' da cultura local de Lira

A súa memoria permanecerá viva na Caseta de Pepe de Cuco

Imaxe de Rogelio Saborido no vídeo que se proxecta na Caseta de Pepe do Cuco.

Imaxe de Rogelio Saborido no vídeo que se proxecta na Caseta de Pepe do Cuco. / C. C.

Carnota

O Concello de Carnota e a veciñanza renderon unha emotiva homenaxe en Lira a Rogelio Saborido Lago, un dos "valedores" da cultura local que perdeu a vida nun tráxico accidente en decembro de 2024.

Parte dos asistentes á homenaxe a Rogelio Saborido, en Lira.

Parte dos asistentes á homenaxe a Rogelio Saborido, en Lira. / C. Carnota

O acto celebrouse na Caseta de Pepe do Cuco ao cumprirse un ano do seu pasamento. O alcalde, Juan Manuel Saborido, deu lectura á mensaxe dunha placa conmemorativa que se colocou no interior do pequeno museo local. Estivo acompañado de familiares de Rogelio, veciños e amigos.

Placa de lembranza de Rogelio Saborido na Caseta de Pepe do Cuco.

Placa de lembranza de Rogelio Saborido na Caseta de Pepe do Cuco. / C. Carnota

A placa, encabezada coa mensaxe: "Con gran cariño recordamos a Rogelio", recorda a "quen foi parte esencial" do equipo que deu vida e testemuño a un dos vídeos que acompañan á exposición da Caseta de Pepe do Cuco. "O seu talento e dedicación deixaron unha pegada fonda e imborrable neste proxecto", subliña o contido da lembranza.

"Grazas, Rogelio, polo teu compromiso coa cultura local. Este traballo, que agora compartimos co público, é tamén unha homenaxe ao teu legado. A túa memoria permanecerá viva na Caseta de Pepe de Cuco, a través de cada imaxe e cada historia, e tamén no corazón de todas e todos nós". Con estas frases, que poden lerse na placa, lembran os veciños a un home que deixou unha fonda pegada no seu pobo.

Tracking Pixel Contents