Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EXPOSICIÓN

Arte, territorio e memoria no Museo do Gravado de Ribeira

A viguesa Rosa García convida a reflexionar sobre o espazo con ‘Relatos do habitado’

Rosa García, esquerda, coa alcaldesa, a deputada e directivos do Museo do Gravado.

Rosa García, esquerda, coa alcaldesa, a deputada e directivos do Museo do Gravado. / C. R.

Ribeira

A exposición Relatos do habitado, da artista viguesa Rosa García, inaugurada este sábado, abre os actos do 25 aniversario da Fundación do Museo do Gravado de Artes (Ribeira). Unha mostra de 37 obras, divididas en tres series, coa que a autora pretende facer reflexionar sobre o espazo, que se converte en lugar pola mirada humana, por habitalo, deshabitalo e tamén cohabitalo.

A serie Impares aborda as formas de habitar un espazo dende as diásporas sociais, é dicir, facer un refuxio da nada. Doutra banda, Domus Domina analiza a relación entre a muller e a casa, establecendo un diálogo entre o corpo e o espazo. E, Bosques e Mareas céntrase na memoria, no tempo, na inestabilidade e no espazo convertido en paisaxe que constrúe un territorio e que a memoria vai modelando.

A orixinalidade formal e conceptual desta exposición de Rosa García, que leva dende as imaxes á reflexión profunda, abre o ano no que o Museo do Gravado de Artes cumpre un cuarto de século.

Lembranzas da infancia

O acto inaugural estivo presidido pola alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, quen subliñou que as pezas «lévannos a pensar neses espazos que construímos e que nos constrúen como humanos, que nos fan sentir seguridade, inestabilidade, pertenza... Penso que isto se pode exemplificar se rememoramos a nosa infancia; etapa que tamén nos define como persoas. Á nosa memoria virán imaxes de lugares que eran calma, alegría ou aventura, e outros que non ocupan os mellores recordos».

Ao acto sumouse a responsable de Cultura da Deputación, Natividade González, quen afirmou que o Museo Gravado «non só acolle obra artística, senón que xera pensamento, reflexión e diálogo coa realidade contemporánea». Explicou que a exposición «non se limita a mostrarnos imaxes», senón que propón «unha reflexión profunda sobre o espazo» e sobre como este se converte en lugar a través da experiencia humana, da memoria e da vida compartida.

González enfatizou que esta obra convida a pensar o espazo «non como algo neutro, senón como algo vivido», no que accións como habitar, deshabitar ou cohabitar falan de movemento, tránsito e transformación constante.

Cultura de proximidade

Unha visión que conecta coa a aposta da Deputación polas «políticas culturais de proximidade, que sitúan o territorio e a cidadanía no centro da acción pública, concibindo a cultura como un dereito e como unha ferramenta estratéxica para a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade».

No acto participaron tamén o vicepresidente da Fundación Museo do Gravado, Javier Expósito; e o director do espazo museístico, Xoán Pastor Rodríguez.

TEMAS

Tracking Pixel Contents