Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Ares pide apoio a Rueda para impulsar o polígono empresarial de Lousame

Apela tamén á Xunta para humanizar a praza Teodomiro Hidalgo

Esteban Ares e Alfonso Rueda na xuntanza mantida esta semana.

Esteban Ares e Alfonso Rueda na xuntanza mantida esta semana. / X. G.

Lousame

O alcalde de Lousame, Esteban Ares, solicitou o apoio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para acometer dous importantes proxectos nos que vén traballando o goberno local: a creación dun polígono empresarial e a humanización da praza Teodomiro Hidalgo.

Ares asegura que a referida praza é un espazo de referencia da capital municipal porque é "un lugar onde conflúen moitos servizos para a veciñanza, como son a Casa do Concello, o centro de saúde, o tanatorio, a farmacia, a casa da cultura ou o centro de día".

Ambos mandatarios mantiveron unha xuntanza na que, ademais, abordaron diversas actuacións de mellora viaria na localidade. Así, avaliaron diferentes intervencións en vías e estradas do municipio coa finalidade de garantir as mellores condicións para o tráfico rodado e para os viandantes.

Neste sentido, a Xunta executou no últimos anos diferentes actuacións dirixidas á mellora viaria en Lousame como a mellora do firme e ensanche da AC-308 ou o reforzo do firme no vial de Portobravo a Tállara dende a DP-1104 ata a DP-1105.

Depuradora para cinco aldeas

Esteban Ares agradece o compromiso do presidente e da Xunta de Galicia en xeral co Concello de Lousame, como demostran as distintas actuacións realizadas nos últimos anos.

Subliña ademais "investimentos tan importantes como a construción da depuradora que dotará de saneamento a 382 veciños e veciñas de cinco aldeas do municipio, actualmente en execución por un importe de máis de 950.000 euros".

Tracking Pixel Contents