Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adega considera "un paso atrás" a adhesión de Serra do Barbanza a Sogama

A organización ecoloxista teme o peche total da planta de Lousame

Instalacións de Sogama.

Instalacións de Sogama. / Cedida

Lousame

A organización ecoloxista Adega considera "un paso atrás" a recente adhesión da Mancomunidade Serra do Barbanzaa Sogama, sociedade á que responsabiliza do "incumprimento dos obxectivos de tratamento de residuos a nivel galego, situando Galicia como a terceira comunidade pola cola en reciclaxe, só despois de Melilla e Ceuta, segundo datos de 2022, últimos dispoñibles".

"Mentres a reciclaxe en todo o ámbito de Sogama estivo ao redor do 20%, Barbanza e Nostián atinxiron reciclaxes de entre o 40 e o 50% en 2025", indica o colectivo.

"Sogama comezou a funcionar en 2000 e o modelo do Barbanza fíxoo en 2003. Ao longo de máis de dúas décadas, o modelo de Barbanza multiplicou por 5 os resultados medios de Sogama. Ata 2010, Barbanza superou o 60% de reciclaxe, cifra que caeu ao 35-40% nos anos que seguiron ata a actualidade, pero sempre moi superior ás acadadas no conxunto do ámbito de Sogama, que se mantivo ao redor dun 10%, para situarse entre o 15 e o 20% despois dos fortes investimentos de 2019. Investimentos de máis de 31 millóns de euros en Sogama, mais que lle foron negados a Barbanza e a Nostián", engade.

Segundo Adega, "en contra do que afirma a Xunta sobre a capacidade de tratamento de Sogama do 100% do lixo galego, a realidade é que a planta incineradora só pode tratar unha cantidade fixa de residuos, e a porcentaxe de vertido só decrece cando decrece a entrada de residuos. Por tanto, o acordo coa Mancomunidade Serra do Barbanza significa simplemente un cambio de lugar de vertido dos residuos, que en vez de ir a Sobrado, pasarán a verterse no vertedoiro sen fin da Areosa. Trátase do maior vertedoiro de toda a historia de Galicia, e que acumula xa 6,5 millóns de toneladas de residuos vertidos desde a súa inauguración en 1995".

"Cunha vixencia de 5 anos e prorrogable, o anuncio feito pola Xunta non concreta se o que vai tratar Sogama son unicamente os rexeites, ou se implica, como sospeitamos, o peche total das instalacións de Servia en Lousame, coa perda de empregos que isto significaría. Está confirmado que os rexeites (entre o 60 e o 70% do lixo xerado na Mancomunidade) que se enviaban en 2025 ao vertedoiro de Sobrado dos Monxes pasarán a enviarse ao de Sogama en Cerceda. Nos últimos anos, Sogama vén enviando a vertedoiro unhas 200.000 toneladas anuais, que agora incrementará en aproximadamente un 10%", engade.

Tracking Pixel Contents