Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rianxo homenaxea este mes a Castelao con música, teatro, charlas e actos literarios

A programación deseñada polo Concello inclúe o espectáculo de teatro musical Un ollo de vidro, adaptado pola Coral Solfa e a A.C. O Galo

Busto de Castelao no Paseo da Ribeira de Rianxo.

Busto de Castelao no Paseo da Ribeira de Rianxo. / Cedida

Rianxo

Un ano máis, o Concello de Rianxo conmemora o nacemento de Castelao cunha serie de actos culturais e institucionais destinados a lembrar e poñer en valor a figura dun dos persoeiros máis destacados da historia e da cultura galega. O programa inclúe conferencias, ofrendas florais, actividades educativas e propostas artísticas que buscan achegar o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao á veciñanza e ás novas xeracións.

A programación comeza este venres 16 ás 21.00 horas cun recital de Francisco Castro no auditorio, onde se celebrarán todos os actos, salvo a ofrenda floral ante o busto de Castelao, que será o sábado 31 ao mediodía no Paseo da Ribeira.

O sábado 17 ás 20.30 o Grupo Municipal de Teatro de Ribeira representará a obra Criaturas.

O venres 23 ás 20.30 horas celebrarase a mesa redonda titulada Castelao: tres efemérides para 2026, a cargo de Francisco Fernández Rei (académico da RAG e catedrático da USC), Emilio Xosé Insua (escritor e profesor) e Miguel Anxo Seixas (historiador e biógrafo de Castelao).

O sábado 24 ás 12.30 horas terá lugar a charla A derradeira leición do mestre: como se constrúen as narrativas da memoria?, a cargo de Xesús Ron (do grupo Chévere).

E ás 20.30 horas terá lugar o espectáculo de teatro musical Un ollo de vidro, de Castelao, adaptado pola Coral Solfa e a A.C. O Galo.

O venres 30 ás 20.30 horas presentarase o libro Sanshô-Dôei, de Eihei Dôgen, unha edición en xaponés, francés e galego, coa participación de Manuel Cartea (tradutor da versión en galego), Doroteo Arnáiz (ilustrador), María Xesús Blanco (presidenta de Barbantia ), Valentín García (secretario xeral de Política Lingüística) e Julián Bustelo (alcalde de Rianxo). Haberá unha intervención artística a cargo de Jontxu Argibay (talla). A introdución e o peche musical correrán a cargo da Escola de Música de Rianxo.

O sábado 31 ao mediodía será a ofrenda floral, e ás 20.30 horas terá lugar a lectura dunha selección de textos feita por alumnos do IES Félix Muriel.

Tracking Pixel Contents