Contedores só de sete a doce no casco histórico: así planifica A Pobra o novo servizo de recollida de lixo
O Concello quere despexar de recipientes a zona vella coa licitación que aspira a facer con Boiro e Rianxo

Pola esquerda, José Ramón Romero, Julián Bustelo, José Carlos Vidal e María Sampedro. / Cedida
O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, tomóu posesión este mércores como presidente de turno da Mancomunidade Barbanza-Arousa, tomando o relevo do rianxeiro Julián Bustelo. E un dos retos da entidade é o de mancomunar o servizo da recollida do lixo entre os concellos de Rianxo, Boiro e A Pobra (o de Ribeira renovou recentemente a concesión).
Eses tres concellos encargaron cadanseu estudo para coñecer a situación actual dese servizo e analizar a viabilidade desa alianza a tres bandas.
No caso do Concello da Pobra, onde o contrato coa concesionaria (Urbaser) caducou hai uns meses, a consultora Novotec plantexa unha serie de melloras que considera necesarias para modernizar o servizo.
E, entre elas, hai unha que o alcalde, José Carlos Vidal, xa anticipa que será «prioritaria» na licitación do servizo: a instalación de colectores só nunha determinada franxa horaria no casco histórico. En concreto, de sete da tarde a doce da noite.
A intención de Vidal é avanzar ao longo dos vindeiros meses no proxecto para licitar a recollida do lixo de conxunta entre A Pobra, Boiro e Rianxo. De non prosperar, A Pobra terá que licitala pola súa conta. E, nese caso, esa medida de despexar de colectores o casco histórico figuraría nas bases. De ser así, a empresa que resultase adxudicataria instalaría nas rúas do casco histórico os contedores só na citada franxa horaria. Estas illas de contedores de quita e pon para todas as fraccións de residuos permitirían eliminar o impacto visual e concentrar o depósito do lixo nesas cinco horas previas á súa recollida.
Reforzo da reciclaxe
Outra das cuestións que terán peso na licitación do servizo é o reforzo da reciclaxe, non só aumentando o número de colectores de cada fracción, senón tamén optimizando as illas nas que se ubican en función das peculiaridades de cada punto.
A Pobra quere avanzar así cara un modelo de recollida de lixo máis sustentable. O informe da consultora tamén alerta de que na Pobra recíclase pouco e mal, pois a porcentaxe de residuos que se eliminan correctamente non chega ao 20% (no caso do lixo, a cifra é do 50%).
242 composteiros e 32 colectores para biorresiduos
No tocante á recollida selectiva, ademais dos colectores xerais, de papel e cartón, de envases e de vidro, así como dos puntos limpos móbiles e o fixo, na Pobra hai 32 de biorresiduos, no marco dunha ruta destinada á hostalería e ao comercio. Hai tamén 242 composteiros, e este ano vanse repartir outros 22. Para o téxtil hai 12 contedores, que xestionan Cáritas, Texlimca e Insertela. E para a recollida de aceites hai 18.