Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE reclámalle á Xunta a construción dun centro de día en Noia

O alcalde amosou a disposición do Concello a ceder o terreo necesario

Patricia Iglesias e Francisco Pérez.

Patricia Iglesias e Francisco Pérez. / Cedida

Noia

O PSdeG-PSOE trasladará ao Parlamento de Galicia a petición do Concello de Noia para a construción dun centro de día para as persoas maiores da localidade. Así o anunciou a deputada socialista Patricia Iglesias tras unha reunión institucional co alcalde, Francisco Pérez, que tivo lugar este venres.

Durante o encontro, o alcalde expuxo a necesidade de contar cun centro de día para a atención das persoas maiores da localidade, tratándose “dunha das prioridades para a vila”, segundo indicou.

Pola súa banda, Iglesias sinalou que “traballadores e traballadoras durante toda a súa vida merecen un coidado digno, unha vellez digna”.

A deputada socialista afirmou que “existe unha solicitude formal por parte do alcalde dirixida á Conselleira de Política Social da Xunta de Galicia”, pero que “a día de hoxe aínda non contestou”.

O alcalde manifestou a disposición do Concello a colaborar coa Xunta no desenvolvemento do proxecto, incluíndo a posibilidade de facilitar terreos para a súa construción. A deputada explicou que, malia esta vontade de cooperación institucional, non se recibiu contestación por parte da Consellería, que “mantén silencio” sobre a petición formulada.

Ante esta situación, Iglesias anunciou que rexistrará no Parlamento de Galicia a petición formulada polo alcalde de Noia para reclamar a construción do centro de día “para os maiores da vila”.

TEMAS

Tracking Pixel Contents