Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O artista Che Tembra rende homenaxe a Castelao na Pobra con trinta obras de ferro, aceiro e madeira

Inaugurou a mostra Castelao na vila da area na casa da cultura

Pola esquerda, Patricia Lojo, José Carlos Vidal, Che Tembra, José Ramón Romero e Manuel Cartea.

Pola esquerda, Patricia Lojo, José Carlos Vidal, Che Tembra, José Ramón Romero e Manuel Cartea. / Cedida

A Pobra

A casa de cultura Raquel Fernández Soler, da Pobra, acolleu a inauguración da exposición Castelao na vila da area, con obras do artista rianxeiro Che Tembra.

A cita, á que asistiron o alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, congregou un amplo número de asistentes. Ademais do autor da mostra acudiron o rexedor de Boiro, José Ramón Romero, e Manuel Cartea, de Barbantia.

Na colección, conformada por unha trintena de pezas, Che Tembra propón ao público unha relectura contemporánea da figura e do legado de Castelao a través de cadros e caricaturas escultóricas elaboradas en ferro, aceiro e madeira autóctona, materiais recuperados e transformados no obradoiro do artista en Fonte Susán (Taragoña).

Os asistentes á inauguración da mostra puideron gozar da arte de Che Tembra, pero tamén da actuación musical que ofreceu o grupo Barahúnda. Esta colección de pezas poderá visitarse durante os meses de xaneiro e febreiro.

O artista-ferreiro

José Andrés Tembra naceu en Taragoña en 1955. Con 18 anos empezou a traballar na fragua, na que naceu como ferreiro e medrou como artista.

Tracking Pixel Contents