Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aguiño lembrará o seu primeiro párroco con música, literatura e moito humor

O grupo de cantareiras As Sete Linguas ofrecerá unha actuación convertendo en instrumentos latas de conserva, botellas e culleres

Elvira Pisos e Unai González, presidenta e vicepresidente da Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño.

Elvira Pisos e Unai González, presidenta e vicepresidente da Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño. / Cedida

Ribeira

A Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño (Ribeira) celebrará os vindeiros días 23, 24 e 25 de xaneiro a súa XXI Semana Cultural, con actividades para todas as idades.

A programación comezará o venres 23 ás 20.30 horas na Casa do Mar da parroquia cunha charla de Pastor Rodríguez, filólogo, coordinador da asociación Barbantia e director do Museo do Gravado de Artes, sobre as escritoras e escritores do concello de Ribeira e, en especial, da parroquia de Aguiño, baixo o título Letras Galegas no concello de Ribeira, de Aguiño a Palmeira.

A continuación terá lugar a actuación do grupo de cantareiras As Sete Linguas, dirixido por Manola Valiño e pertencente á asociación aguiñense, que interpretará os seus últimos temas convertendo en instrumentos elementos da etnografía popular, como latas de conserva, botellas, culleres, etc., xunto a pandeiretas e pandeiros, recuperando sons e melodías tradicionais.

A xornada rematará cun pequeno ágape.

O sábado 24 oficiaranse actos relixiosos de lembranza e aniversario do pasamento de Francisco Lorenzo Mariño, o que foi primeiro párroco da parroquia de Aguiño e que dá nome á entidade cultural. Primeiro, ás 17.00 horas, unha ofrenda floral na que se lerá un manifesto e actuará un grupo de gaitas, no cemiterio de Porto do Son, onde están os seus restos mortais; e, ás 19.00 horas, a misa do 22º aniversario do seu pasamento, na igrexa parroquial de Aguiño.

Posteriormente, ás oito da tarde, na Casa do Mar de Aguiño, terá lugar o espectáculo humorístico Donas do lugar, a cargo de María da Pontragha.

Finalmente, o domingo 25 será a quenda para os máis pequechos da casa, co espectáculo Con lingua propia, do clown e humorista Peter Punk, tamén na Casa do Mar aguiñense, a partir das cinco e media da tarde.

A Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño está integrada por máis de trescentas familias, non só da localidade de Aguiño, senón de toda a comarca do Barbanza e tamén doutras partes de Galicia.

Tracking Pixel Contents