Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Axuste no cuatripartito da Pobra: o alcalde asume a carteira de Deportes "por razóns operativas"

O concelleiro da formación independente, Eloy Sobrido, mantense á fronte das áreas de Facenda e Mocidade do Goberno cuatripartito

Eloy Sobrido, esquerda, e José Carlos Vidal.

Eloy Sobrido, esquerda, e José Carlos Vidal. / Cedida

A Pobra

O alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, asumirá a área de Deportes que ata o de agora xestionaba o concelleiro de Veciños Independentes da Pobra (VIP), Eloy Sobrido, que continuará á fronte das áreas de Facenda e Mocidade.

Durante a súa intervención, o alcalde felicitou e agradeceu ao edil “o seu traballo e dedicación á fronte da concellería ao longo dos últimos anos”, explicando que o cambio se adopta “de mutuo acordo” e responde unicamente a "razóns operativas". Tal e como sinalaron, a concellería de Deportes require unha dedicación moi elevada e unha presenza constante, algo “moi difícil de compatibilizar” coa dedicación parcial de Sobrido.

Vidal incidiu en que esta modificación no Goberno cuatripartito non supón alterar a liña de traballo do Goberno municipal e subliñou que o deporte “continuará sendo unha prioridade absoluta”. Así mesmo, reafirmou a súa disposición “para escoitar as necesidades de cada club e deportista” e avanzou a vontade de dar continuidade aos proxectos de mellora das infraestruturas xa iniciados, así como a outros novos que o Concello prevé executar nos vindeiros meses.

“Asumo esta responsabilidade co obxectivo de poder axilizar a toma de decisións, supervisar os proxectos que xa están en marcha e asumir os novos desafíos da concellería. O meu despacho estará sempre aberto para escoitar aos deportistas”, recalcou Vidal.

Pola súa banda, Eloy Sobrido continuará á fronte de Mocidade e Facenda. Sobre esta última área, explicou que se trata “dun ámbito do que depende toda a actividade municipal, polo que seguirei estando á disposición do alcalde e do persoal de Deportes para todo aquelo que precisen”.

O rexedor valorou a xestión realizada polo edil, con importantes avances e melloras nas instalacións deportivas e cun enorme pulo para as axudas e subvencións ás entidades. En 2025 o Concello destinou 224.346 euros á área de Deportes entre obras, mellora e acondicionamento nas instalacións e axudas, tanto directas como indirectas, a entidades.

No apartado de novos investimentos, a cifra foi de 104.296 euros e no de mantemento de dependencias, de 40.000 euros. En canto ás subvencións a clubs, as axudas directas foron de 61.000 e as indirectas de 20.000 euros.

Tracking Pixel Contents